|
Portada do nº 8, lanzado en 1997 |
Se hai algo tradicional na política local de Carnota son os tránsfugas, e a revista
A Moa; non casualmente o voceiro local do BNG e Galiza Nova de Carnota chámase coma a atalaia do Olimpo Celta, desde a que se vixían desde millóns de anos os devires das terras bañadas pola fouce de Carnota, e desde a que levamos case un cuarto de século informando a toda a veciñanza diseminada polo mundo adiante da actualidade do seu Concello desde a óptica do nacionalismo galego, e tamén denunciando, sempre cun punto de vista retranqueiro e incisivo, as numerosas trapalladas que por desgraza se teñen cometido nestes confíns.
|
Os cadriños da Moa, sempre cheos de humor e reivindicación |
A piques de cumprir os seus 22 anos e 35 edicións, A Moa fixo sitio nos nosos fogares para todo tipo de contidos: novas de actualidade, resultados electorais, sisudas análises de aspectos políticos, económicos e técnicos que se lle poden escapar ao común da veciñanza, cadriños e debuxos de artistas locais ou alleos (O Tupa, Pepe Carreiro, O Carrabouxo...), as desternillantes aventuras de
Super Pp-O ou do
Mariscal Nonarrasca, pasando por artigos de opinión e cartas abertas de veciños e veciñas que tamén quixeron facer da Moa a súa voz para denunciar as inxustizas. Todo isto, cun único punto en común: levar a cada casa a voz do BNG e que xamáis se vetou ou censurou a ninguén que tivera algo que dicir.
|
Narrando a actualidade en clave medieval |
Grazas á inestimábel colaboración veciñal logramos compilar a totalidade das edicións publicadas da Moa ata a data desde o seu primeiro número lanzado en febreiro de 1996, e que tras seren dixitalizadas foron postos a libre disposición da veciñanza na rede. Nfuturo estudaremos a posibilidade de editar unha edición especial compilatoria en papel.
Catálogo de exemplares do Voceiro local A Moa
Queres publicar na próxima Moa?
A Moa sempre estivo aberta a publicar libremente as colaboracións, opinións, debuxos... da veciñanza do noso Concello. Se tes algo que desexas compartir, envíanos a túa achega ao noso correo carnota@bng.gal.
Garantindo a liberdade de expresión, presupoñemos un espírito construtivo en todas as mensaxes. Todas aquelas alusivas á vida personal ou familiar das persoas que participan na vida política do Concello de Carnota serán omitidas, ao igual que todas aquelas que poidan resultar ofensivas para calquera persoa en función do seu xénero, etnia, ideoloxía, lugar de procedencia, clase social, sexualidade...
O BNG de Carnota, como organización política do nacionalismo carnotán, non subscribe necesariamente ningún comentario ou artigo publicado neste espazo, no que a súa participación será exclusivamente técnica e aclaratoria.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!