Transcorridos dous anos de lexislatura toca facer balance do goberno municipal e desde o BNG temos que valorar negativamente a xestión levada a cabo polo goberno en minoría do PSOE.
Xa nos gustaría poder dicir o contrario, pero temos que lamentar a falta de diálogo coa oposición, nunha actitude arrogante, claramente despectiva e mesmo insultante, que di moi pouco dun goberno supostamente progresista e democrático e que fai moi difícil chegar a un entendemento, que é o que o pobo espera de todos nós.
Desde o BNG realizamos unha intensa laboura de control e fiscalización a un goberno carente de proxecto de futuro para Carnota, sen iniciativas propias e unicamente centrados na propaganda. En cada pleno presentamos unha serie de propostas e preguntas que recollen as inquedanzas da veciñanza de Carnota, que segue a confiar no BNG, trasladándonos as súas queixas e suxestións, considerándonos como os verdadeiros interlocutores entre eles e o goberno municipal. Mágoa non poder seguir tendo un contacto máis directo mediante as habituais asembleas veciñais por mor da pandemia, xa que consideramos indispensable estar a pé de rúa e pulsar o verdadeiro sentir da veciñanza.
Tamén lamentamos que non se atendan as reiteradas peticións do BNG de que se poidan gravar os plenos, para que os veciños e veciñas poidan ver os distintos posicionamentos dos grupos da Corporación municipal, nunha mostra de transparencia, e tal e como se fai xa na maior parte dos concellos.
Sorpréndenos a actitude displicente do goberno municipal do PSOE e máis si cabe sabendo que ostentan a alcaldía en minoría. Nestes dous anos de goberno o seu principal argumento foi a mentira, unha prolongación do que foi a súa campaña electoral.
O actual goberno atopou un concello saneado e o único que fixo realmente nestes dous anos foi aproveitar a inercia do traballo e dos proxectos do anterior goberno do BNG e que nalgún caso incluso pretenderon botar por terra pero gracias ó traballo da oposición fomos quen de impedirllo. Mesmo o último POS (a proposta do BNG) foi aprobado grazas aos votos da oposición e coa abstención do equipo de goberno e o voto en contra da Tenente Alcalde. Diante do pouco interese na busca de consenso por parte do goberno só queda, por sentido da responsabilidade, asumir nós a iniciativa para que Carnota non se vexa prexudicada.
Tamén queremos salientar o nulo interese na presentación dos orzamentos, ferramenta fundamental para unha axeitada xestión económica do concello, no ecuador da lexislatura aínda estamos a espera de que se formulen os primeiros.
No que si son expertos é en saber vender todo canto proxecto de iniciativa privada se leve a cabo no concello, vendendo ditos proxectos como propios. A falta de ideas e a nula capacidade de xestión lévaos a vender fume.
Nesa teima de facerlle oposición a oposición chegan a acusar ao BNG do grave “delito” de facer política (pois claro, faltaría máis), mentres nalgunha ocasión durante a pandemia se nos chegou a dicir que o goberno municipal estaba para “salvar vidas”, igual o que esperaban é que no lugar de facer o noso traballo, saísemos a aplaudirlles.
Agardamos que no que queda de lexislatura cambie a dinámica de goberno e facémoslle un chamamento para que empecen a dialogar e buscar consensos, xa que estamos atravesando momentos moi delicados e polo ben de Carnota necesitamos a colaboración de todos para albiscar un futuro mellor para os nosos veciños e veciñas.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!