A nova entidade actívase cunha concentración, este mércores, en repulsa polo triple feminicidio de Valga
Xa había un tempo que un grupo de mulleres traballaban para artellar o feminismo en Carnota, pero os acontecementos tráxicos vividos hoxe en Valga obrigounas a acelerar a posta en marcha do Colectivo de Mulleres Feministas Sonlilá, inscrita desde xa na Marcha Mundial das Mulleres, que busca combater desde o feminismo toda forma de discriminación e maltrato machista. A entidade está constituída en Carnota mais ten vocación de acoller cos brazos abertos ás mulleres dos municipios da contorna, convocou xa as súas dúas primeiras mobilizacións.A primeira mobilización será en repulsa polo triple feminicidio de Valg. Sonlilá convoca unha concentración este mércores 18 ás 20:00 horas na Praza de Abaixo de Carnota (a da Pedra). Carnota convértese asi por primeira vez nunha das localidades que secunda a iniciativa da Marcha Mundial das Mulleres, consistente en autoconvocar simultaneamente en localidades de todo o territorio galego mobilizacións no día inmediatamente despois de cada caso de violencia machista do que se teña constancia.
A segunda iniciativa será unha manifestación nocturna co lema "A noite será violeta", este venres 20 ás 20:30 horas no mesmo lugar, en resposta ao que no seu comunicado denominan peor verán de terrorismo machista en décadas (con asasinatos, parricidios, trata, pederastia, extorsións, desaparicións, manadas, violacións …). Convidan a todas as mulleres que acudan a traer lanternas, panos violetas e, se pode ser, que vistan de negro.
O BNG de Carnota saúda a necesaria conformación desta entidade que agardamos sirva para formar mulleres libres nun concello e nun País máis seguros, e expresamos o noso total apoio ás mobilizacións convocadas asi coma nosa máis rotunda repulsa dos terroríficos acontecementos vividos en Valga e de cada situación de violencia machista que se produce en todo o noso territorio.
Aquelas mulleres que desexen colaborar ou unirse con Sonlilá poden contactalas no correo electrónico asociacionsonlila@gmail.com.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!