Goberno municipal (fonte: La Voz de Galicia) |
A veciñanza descoñece aínda a día de hoxe con que programa goberna o PSOE, por iso non parece moi lóxico que comecen esixindo un incremento repentino dos salarios políticos, o que é unha falta de respecto a toda a veciñanza e demostra a nula vontade de diálogo por parte dun alcalde que unha e outra vez minte na prensa para construír o relato que máis lle convén, mesmo facéndose o sorprendido ante a nosa postura de un salario digno para o alcalde dun pobo digno, cando a mantivemos durante os 8 anos de goberno de Moncho Noceda e seguímolo facendo agora, como ben sabe toda a veciñanza e de feito ofrecémosllo en reiteradas ocasións ao propio Moma, quen nunca foi quen de xustificar, nin no Pleno nin ante a veciñanza, a súa pretensión de elevar o salario do alcalde de golpe dez mil euros, un 33% máis, ata alcanzas o tope legal.
Tampouco sabemos cal será o custo para os carnotáns deste pacto co PP, que sempre deixou claro que o seu apoio non sairía gratis. Sen embargo chama a atención que este apoio coincide coa asunción polo goberno dunha obra de saneamento no Campo de Sofán (Lira) que beneficia directamente a un veciño do lugar moi vinculado co PP, cando no mesmo lugar hai necesidades moitisimo máis apremiantes coma dotar de saneamento o Pazo, moito máis habitado; ademais, esta actuación que non debera superar os dez mil euros está orzamentada en 54.000, sobrecuste que desde logo podería ter, en opinión do BNG, un destino moito máis produtivo para o conxunto da veciñanza.
Non houbo negociación algunha co BNG
Como mostra de transparencia coa nosa veciñanza o BNG quere aclarar que xamais participamos nunha verdadeira negociación co PSOE; de feito desde as eleccións ata o pleno de organización só houbo unha chamada telefónica, na que o noso responsábel local lle pediu ao Moma que lle trasladase unha proposta para poder valorala na Asemblea Local do BNG, o que nunca fixo. Só cando o Pleno tumbou a súa disparatada proposta salarial, que rexeita a inmensa maioría da veciñanza, convocounos a unha reunión. Para a nosa sorpresa o alcalde presentouse nela en solitario, e non por casualidade: a súa nova proposta era apoiar o seu soldo de 41.000 euros e deixar sen soldo a Merche Noceda; a cambio de aceptar, o BNG podería entrar máis adiante ao goberno. Obviamente rexeitamos esta proposta, e aí rematou o interese do alcalde en falar co BNG, centrándose desde entón en falar exclusivamente co PP. Lamentamos a falta de transparencia e que o novo goberno de Carnota leve estragados dous meses de mandato unicamente en aumentar os seus salarios políticos.Cronoloxía
Subliñamos en amarelo os únicos contactos que mantivo o PSOE co BNG desde o día das eleccións. As supostas negociacións co BNG ás que fai constantemente referencia o PSOE na prensa son mentira, non existen.- 26/05. Eleccións Municipais. O PSOE é a forza máis votada, e o BNG asume o seu papel na oposición.
- 04/06. O PSOE anuncia na prensa que o PSOE asume que gobernará en minoría.
- 11/06. O PSOE anuncia agora na prensa que buscará pactos coas outras forzas.
- 11/06. Juan M. Saborido (PSOE) realiza unha chamada telefónica ao noso responsábel local, Iván Franco; este foi o único contacto co BNG antes do pleno de investidura.
- 14/06. O BNG anuncia que ante a falta de diálogo polo PSOE apoiará a súa propia candidata.
- 15/06. Pleno de investidura. Tal e como estaba previsto cada forza política apoia a súa propia candidatura, o que converte a Juan M. Saborido en alcalde de Carnota.
- 19/06. O PSOE anuncia na prensa que "arroxa a toalla" e que gobernará en solitario.
- 27/06. O PSOE convoca o pleno de organización fóra de prazo, e comunica ás forzas unha proposta salarial disparatada que provoca o inmediato rexeitamento veciñal e do BNG, que lle oferta un soldo coma o de Moncho.
- 29/06. O PSOE desconvoca o pleno, tras advertirlle o BNG de que fora mal convocado, e volve a convocalo para o 04/07.
- 01/07. O debate social evidencia que a inmensa maioría da veciñanza rexeita a proposta salarial do PSOE. O BNG reitera a súa oferta dun salario para o alcalde coma o de Moncho.
- 04/07. Pleno municipal de organización. A corporación tumba a proposta salarial do PSOE.
- 06/07. O PSOE anuncia na prensa que revisará as súas propostas despois do rexeitamento polo pleno.
- 10/07. O PSOE anuncia na prensa que se non acada un acordo coa oposición o alcalde volverá ao seu posto de traballo.
- 11/07. O alcalde reúnese en solitario co BNG para pedirlle que apoie o seu soldo de 41.000€ e que deixe sen el a Merche Noceda; a cambio o BNG podería incorporarse no futuro ao goberno. Rexeitamos esa proposta.
- 17/07. O PSOE anuncia na prensa que non ten acordo coa oposición e que se reincorporará ao seu posto de traballo.
- 19/07. O PSOE anuncia na prensa que xa ten un pacto co PP.
- 26/07. Pleno. O PSOE aproba o incremento dos salarios políticos grazas ao PP.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!