O BNG de Carnota condena un incidente que empaña definitivamente o proceso electoral
Pouco antes da media noite, ao pouco de chegar ao seu fogar familiar en Lariño, a familia do noso candidato á alcaldía, Emilio Louro, unha vez finalizada a xornada electoral, percibiu rebumbio e movementos estranos nas proximidades do seu domicilio, que alertaron aos cans do entorno. Nese intre unha ou varias persoas rociaron a casa de Milucho con algún produto químico que desprendía un intensísimo cheiro desagradábel, e logrando dalgún xeito infiltralo tamén na vivenda, de maneira que aos poucos minutos era practicamente imposíbel permanecer no seu interior polo cheiro insoportábel que se prolongaría durante varias horas. Foi o aínda alcalde Moncho Noceda quen alertou á Policía Local, que se achegou de inmediato á zona, redactou un informe e chamou á súa vez á Garda Civil, que xa está a investigar o incidente asi coma se os seus autores lograran acceder dalgún xeito ao interior da propiedade.Informe da Policía Local sobre o ataque |
O BNG de Carnota condena rotundamente o hostigamento sufrido polo noso candidato no seu propio fogar, que afecta non só a Milucho senón a súa familia e veciñanza que viron perturbada a seguridade do seu propio lugar e domicilios. Este capítulo empaña defintivamente o proceso electoral e pon o colofón a unha campaña orquestrada de acoso e derribo contra o noso candidato desde hai varios meses, co único obxectivo de minar a súa reputación política e persoal con mentiras e falsidades, destruílo moralmente e provocar o seu fracaso electoral, e todo co máximo ensañamento e ningún respecto polos máis elementais límites da cortesía política que se pode agardar nunha democracia madura.
Expresamos a nosa solidariedade con Milucho, a súa familia e veciñanza, que están moi afectadas por este lamentábel episodio. Ninguén ten por que aturar ningún tipo de violencia contra a súa persoa polo único feito de participar na vida política dun Concello, e moitísimo menos a súa familia nin os seus fillos. Por último agradecemos as inxentes mostras de apoio da veciñanza que estamos a recibir tanto o BNG coma o propio Milucho.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!