O BNG de Carnota refresca o seu compromiso coa participación veciñal, que non foi espectadora senón parte activa na confección do seu programa electoral. E é que cando se lle da a voz á xente para que comuniquen as súas necesidades, é cando se ve ata que punto as súas propostas son do máis sensatas e acaídas para mellorar o día a día da nosa veciñanza.
Esta aposta por confiar no pobo para resolver os problemas do pobo deu os seus froitos durante os últimos 8 anos de goberno local nacionalista, e desterrou -de momento e, agardamos, para sempre- etapas nas que se gobernaba en base a ocurrencias, a cada cal máis disparatadas, que hipotecaban durante décadas as arcas municipais máis que á hora da verdade non supoñían mellora perceptíbel algunha na calidade de vida da veciñanza.
Nesta ocasión, o BNG desenvolveu 14 asembleas veciñais presenciais nos distintos lugares do municipio, ás cales hai que sumar un innovador encontro online coa Carnota emigrada que non pode acompañarnos fisicamente, e unha serie de encontros e reunións con axentes sociais do municipio. Nestas asembleas asistiron dun ou outro xeito un total aproximado de medio milleiro de persoas, o que certifica o éxito deste chamamento e permite presentarlle xa á sociedade un paquete de actuacións e medidas moi concretas, dirixidas a resolver problemas reais e moi urxentes da veciñanza que quere contribuír a facer de Carnota un lugar para vivir.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!