O BNG de Carnota vén de sufrir unha derrota nas eleccións municipais, tras ceder 3 dos seus 6 escanos actuais, os mesmos que medrou o PSOE, gañador da cita coas urnas nunha xornada electoral cunha participación que rondou o 70%, lixeiramente superior á rexistrada hai 4 anos.
En canto aos resultados por mesa, que podedes ver no cadro, o BNG gañou en dúas urnas (Lariño e Caldebarcos), mentras que en San Mamede fomos segunda forza a só 6 votos do PP, que tamén gañou en Carnota, mentras que o PSOE gañou no Pindo e en Lira, que resultou ser a mesa que lle valiu a vitoria. Felicitamos ao PSOE de Carnota, e ao seu candidato Juan Manuel Saborido Rama, Moma, polos resultados.
En canto ao BNG de Carnota, tomamos nota da mensaxe dura pero clara da nosa veciñanza:
o povo é quem mais ordena, e ordenou que o BNG pase á oposición os vindeiros catro anos. Agora será tempo de analisar erros e acertos, e poñerse desde xa a traballar para desenvolver unha oposición activa e constructiva que siga servindo a toda a veciñanza do Concello de Carnota, coma a servimos os pasados oito anos no goberno.
Agradecemos de corazón a todas as persoas que fixeron que a votación transcurrira de forma impecábel nos seis Colexios Electorais do noso Concello: membros das Mesas, representantes institucionais e por suposto interventores e apoderados polo seu comportamento impecábel. Mais tamén queremos saudar e agradecer, unha por unha, a todas as persoas que durante a campaña vos achegástedes a coñecer o noso proxecto e candidato, a todas as persoas que integraron a candidatura, militantes e simpatizantes que botaron unha man dun e outro xeito, e sen dúbida, ás 721 veciñas e veciños que seguides confiando no proxecto do BNG, e que agardamos nos sigades acompañando e facendo máis fortes na oposición como o fixéstedes todos estes meses.
Por último, lamentamos que esta deportividade que amosa o BNG non sexa compartida por todas as forzas:
denunciamos o lamentábel hostigamento ao noso candidato Milucho Louro e a súa familia e os ataques recibidos contra o seu propio fogar unha vez finalizado o reconto electoral, incidente que xa está a ser investigado polas autoridades.
Bo perder e dignidade é o que a xente espera do BNG. Doutros xa non se espera moita cousa e aínda asi xa defraudan ás escasas horas de gañar. Que se lle vai facer.
ResponderExcluir