AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

09/04/2019

O BNG solidarízase con Manuel de Talelo e traslada ao Parlamento de Galiza a petición de indulto


Vémonos na obriga de facer un necesario alto na carreira electoral para chamar a atención sobre a situación de Manuel Antonio Martínez Lustres, Manuel de Talelo, un veciño de Lira (Carnota) que se enfronta ao momento máis delicado da súa vida tras ser condeado a 3 anos de prisión tras un incidente cun furtivo da bisbarra.

O grupo de furtivos implicado no altercado con Manuel acumula unha serie de conflitos e causas polo expolio dos recursos pesqueiros e marisqueiros da Costa da Morte e o Barbanza, e tamén por episodios de violencia derivados desta e doutras actividades ilícitas.

A retirada do apoio da Xunta á vixilancia da Reserva obriga ao propio sector a ter que saír a defender os seus recursos

Con este cartel denunciaba o BNG en 2011 que a Xunta
retirara o apoio económico á vixilancia da reserva
Despois da decisión da Xunta de retirar o financiamento do servizo de vixilancia da Reserva Mariña dos Miñarzos (Lira), o furtivismo comezou a operar na área tras anos controlado, e moi particularmente, o grupo implicado neste incidente, que se caracteriza por ser moi perigoso e estar ben preparado. Tras unha das súas incursións ilegais para faenar na reserva en 2013, sendo de madrugada e aproveitando a ausencia de vixilancia, foron confrontados polo colectivo de percebeiros profesionais que faenan legalmente na localidade, entre os que se atopaba o seu presidente, Manuel Antonio Martínez Lustres, coa intención de expulsalos da reserva.

Esa mesma noite o grupo de furtivos presentouse no domicilio de Manuel, ante o que causaron fortes disturbios. Ao non lograr o seu obxectivo de confrontalo, retornaron a Lira días despois, localizando a Manuel na súa caseta, onde si o lograrían confrontar para ameazalo e intimidalo.

Vendo ameazada a súa integridade, Manuel, membro dunha moi coñecida e querida familia de Lira, perfectamente integrado na sociedade e sen ningún antecedente previo, defendeuse co único que tiña a man (un apeiro de marisqueo) dunha agresión máis que segura, ferindo a un dos atacantes cando o trataban de acurralar na súa propia caseta, e ocasionándolle lesións das que o furtivo tardou varios meses en recuperarse.

Manuel fíxose cargo do custe da asistencia sanitaria que o ferido precisou, resarcindo en gran medida o posíbel prexuízo económico que lle puido causar. Porén, o proceso xudicial seguido ante a Audiencia Provincial da Coruña rematou cunha sentenza condenatoria a tres anos de cadea, ratificada no TSXG e actualmente en trámite de execución, polo que o ingreso de Manuel na cadea é inminente.

Apoio unánime da veciñanza e do tecido social

Considerando que as razóns da conduta de Manuel asi como as súas circunstancias persoais e familiares fican plenamente acreditadas non só documentalmente, senón por coñecemento persoal e directo das mesmas, o seu ingreso na cadea non fai senón causarlle un terríbel prexuízo persoal e familiar; porén non ocasiona ningún resarcimento ou ben a ninguén.

Isto motivou que a veciñanza de Lira, de Carnota e da bisbarra reaccionase axiña contra a inxustiza de que un dos seus veciños máis queridos deba entrar na cadea polo feito de defender o seu pan e a súa vida do furtivismo que opera impunemente na zona, nun incidente ante o que non cabería agardar outra reacción que a defensa propia ante as ameazas e intimidacións dun grupo de persoas completamente afeitas a andar en leas, que non amosan ningún tipo de escrúpulo nin tampouco asumen ningunha responsabilidade polos seus actos.

Agárdase unha masiva asistencia á Concentración de apoio, este sábado 13 ás 17h no porto de Lira

Por outra parte Manuel non deixa de ser unha vítima das políticas de recorte que deixaron desprotexida un dos espazos de cría de peixe e marisco máis sensíbeis da costa galega, obrigando a que os propios profesionais se deban ocupar da súa vixilancia e protección de xeito completamente precario, e logo dos desaprensivos que apuran a aproveitarse desa desatención para faenar ilícitamente. Por isto subscitou unha masiva resposta de apoio do seu pobo, mesmo coa convocatoria dunha Concentración de apoio este sábado ás 17:00 horas no porto de Lira que se agarda masiva, e tamén da corporación municipal do Concello de Carnota, que vén de aprobar unha iniciativa unánime de apoio e a posta en marcha a solicitude de concesión discrecional de indulto dirixida ao Consello de Ministros, e que xa foi secundada pola maioría das entidades sociais, culturais e profesionais do municipio.

O BNG pedirá ao Parlamento de Galiza que solicite ao Estado o indulto para Manuel

O BNG, que por suposto se puxo á disposición da familia desde o primeiro intre, xa está a tramitar unha iniciativa dirixida ao Parlamento Galego para, ao igual que xa fixo o Concello de Carnota, solicitar ao Consello de Ministros a concesión do indulto polo que todo o pobo clama:

«O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a solicitar ao Consello de Ministros a concesión discrecional de INDULTO para Manuel Antonio Martínez Lustres en relación á pena que se lle impuxo en autos de Procedemento Abreviado nº 121/2016 seguidos ante a Ilma. Audiencia Provincial da Coruña Secc. nº 1, na actualidade en trámite de Executoria co nº 18/2019.»

Proposta non de Lei - Indulto para Manuel Martínez Lustres

Etiquetas:

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: