Foto: La Voz de Galicia |
Pouco queda sen dicir aínda deste veciño de Lira, natural de Lariño, que o foi todo dentro e fóra do Concello. Operario de profesión, e moi querido entre veciñanza e camaradas pola súa humildade, sempre fixo gala dun inmenso compromiso por Galiza que o levou desde rapaz a militar no nacionalismo na clandestinidade, nuns tempos onde iso implicaba o enfrontamento directo coas autoridades policiais dun réxime franquista que se negaba a desaparecer.
Moncho (2º pola der.) de sentada na Praza de Galiza en 1983 |
Tras un longo periodo apartado da política municipal, en 2010 Moncho asumiu o reto de tratar de rescatar o goberno de Carnota das mans duns pésimos xestores do PP que o saquearon economicamente e deixaron ao borde do colapso, e o levaron a un retroceso democrático sen precedentes. Moncho cumpriu sobradamente o obxectivo tras facerse co goberno en minoría en 2011, e xa cunha solvente maioría absoluta en 2015; isto permitiríanos recuperar, sanear e estabilizar o Concello, mesmo retomando a senda dos proxectos e investimentos cuxos froitos estamos vendo.
Moncho Noceda é un deses imprescindíbeis que falaba Bertolt Brecht; e desde logo nada será igual en Carnota sen a súa figura á fronte. Porén, temos a seguridade e tranquilidade de que a nova persoa que asume o mandato da militancia do BNG, Milucho Louro, é a mellor das opcións posíbeis para Carnota no tempo actual, e que Moncho estará sempre, mentras lle quede un alento, ao noso lado para axudarnos a seguir escribindo a Historia deste Concello, do noso País e da súa xente. Por iso ten máis que gañado este premio á súa traxectoria vital e política: o poder tomar agora un merecido descanso dos durísimos avatares da primeira liña política, e centrarse en disfrutar da súa xubilación, a súa familia e a súa gran afición, a pesca deportiva.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!