AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

20/01/2019

O BNG rexeita a celebración dunha matanza de raposo en Carnota


O BNG de Carnota tivo coñecemento por canles extraoficiais das intencións de organizar un "campionato" consistente na matanza indiscriminada de raposos nos montes do noso Concello o vindeiro sábado 26 de xaneiro. Desde este medio queremos aclarar que a actividade non conta coa autorización do Concello de Carnota, e no caso de que esta sexa solicitada será rexeitada, pois o executivo local, conformado integramente por membros do BNG, rexeita calquera forma de crueldade contra os animais e moito máis este tipo de eventos que baixo o disfraz de actividade deportiva veñen a promover a matanza indiscriminada de animais.

O evento que pretendería organizarse nin sequera ten que ver coa caza tradicional, pois o raposo carece de interese cinexético; tanto é asi que en eventos similares os exemplares abatidos van directamente para o contedor de lixo. Por outra parte no BNG de Carnota non nos consta que exista informe técnico ou científico algún que ilustre algún problema coa poboación local de raposo. Tampouco nos parece de recibo que este tipo de eventos poidan celebrarse sen a autorización do goberno local, botando por terra anos de politica medioambiental, pois a maior parte do territorio de Carnota está protexido baixo diversas figuras legais coma a Rede Natura, que supoñen obstáculos para o día a día da veciñanza e mesmo para as súas actividades agrogandeiras tradicionais, mais logo ao parecer non supoñen ningún problema para realizar matanzas indiscriminadas das especies naturais que albergan.

Polo tanto a posición do BNG de Carnota non pode ser outra que a repulsa absoluta desta actividade, que nin contou, conta nin contará co aval do goberno de Carnota, e estamos seguros que tampouco da nosa veciñanza. Asi mesmo condenamos que a Xunta do PP autorice eventos deste tipo sen sequera consultar coas administracións locais, deixándonos sen voz nin voto nun asunto para nós moi importante, no que consideramos un desprezo sen precedentes pola democracia. Sen embargo cando si precisamos da Xunta para minimizar catástrofes ecolóxicas coma o do Prestige en 2002 ou o incendio do Monte Pindo en 2013, só obtivemos a calada por resposta e nin un só céntimo de axuda.

A veciñanza debe tomar boa nota de cales son as prioridades do PP nas institucións que goberna e agardamos que rexeiten unanimemente este evento no que se recurre á morte de seres vivos como puro divertimento.

Comunicado aprobado pola unanimidade da Asemblea Local do BNG de Carnota, a 20 de xaneiro de 2019.
Etiquetas: , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: