AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

29/01/2019

A veciñanza arroupa a Milucho Louro no inicio da súa andaina cara a alcaldía de Carnota


O salón de actos do Concello ateigouse esta fin de semana para acoller a posta en escea da nova aposta do BNG de Carnota para renovar a confianza da veciñanza e asi aspirar a revalidar a alcaldía: Emilio Louro Lamela, Milucho, un vello coñecido de todo o pobo de Carnota pola súa intensa vida profesional e social, dedicada ao mar e ao tecido veciñal.

O acto iniciouse coa intervención do alcalde de Carnota, Ramón Noceda, na antesala dunha xubilación que porá o broche a unha exitosa carreira política na que acadou a alcaldía de Carnota ata en catro ocasións, de feito todas as veces que se presentou. A veciñanza agradeciu a súa traxectoria cun extensisimo aplauso que emocionou profundamente a Moncho e tamén ao seu equipo. O aínda alcalde de Carnota pasou a repasar o enorme esforzo para recuperar un Concello que recolleron en 2011 completamente arruinado, coas contas intervidas e con risco grave de interrupción dos servizos básicos, penosa realidade que en só 8 anos traduciu nun escenario saneado, coas débedas practicamente saldadas e sobre todo as facturas, que asfixiaron durante moitos anos a pequenas empresas do noso Concello, aboadas. Moncho Noceda agradeciu o apoio e a comprensión da veciñanza durante estes anos tan duros, e anunciou que seguirá traballando ao lado de Milucho e do seu equipo para seguir facendo de Carnota un concello digno.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, tamén quixo estar en Carnota arroupando ao novo candidato e expresar o seu apoio ao equipo e o proxecto de futuro que representa o BNG no noso Concello, tamén incidindo no durísimo traballo que houbo que facer para rescatalo da desfeita económica na que o deixara sumido o anterior executivo do PP, ata volver a facer del un municipio do que sentirse orgullosas e orgullosos. Comparou este modelo co dos recortes e o empeoramento de servizos públicos que desenvolve o PP aló onde ten a ocasión de gobernar, e pediu encarecidamente á veciñanza que en maio vote decididamente para que eses tempos non volvan a Carnota.
A anécdota foi a foto de corredor de Ana cos tres alcaldes nacionalistas da historia de Carnota: Manolo García, Moncho Noceda e (axiña) Milucho Louro, que coincidiron no acto e tamén no posterior pincho de confraternización que tivo lugar no Comba.

Por último Emilio Louro, Milucho, despois de homenaxear a Moncho Noceda de quen dixo que fora o seu principal referente político desde mozo, quixo agradecer o enorme apoio recadado non só no seo do BNG senón entre a súa familia e a súa veciñanza, e que foron determinantes para implicarse neste novo cometido despois dunha vida dedicada aos seus proxectos profesionais, sociais e veciñais, mais sen apenas implicarse directamente na política local. Porén Milucho compilou unha enorme bagaxe e experiencia en todo tipo de proxectos, algúns verdadeiramente transformadores e que puxeron Carnota no mapa do mundo; coñecementos que, en definitiva, porá a disposición do Concello a partir de maio se a veciñanza decide seguir confiando no proxecto sólido, cohesionado e estruturado do BNG, e no modelo de goberno honesto, transparente e participativo que foi característico da súa acción de goberno, deixando atrás anos de enchufismo e proxectos faraónicos feitos de espaldas á veciñanza.
Precisamente nos proxectos de futuro e nos retos pendentes que tratará de afrontar foi aos que dedicou Milucho a maior parte da súa intervención. O principal foco da súa acción de goberno estará na reversión da preocupante tendencia de desemprego e desindustrialización da zona, que á súa vez leva á perda de servizos e que a xente nova teña que saír por falta de oportunidades. Polas súas inmellorábeis calidades Carnota xa é hoxe un lugar para desenvolver unha calidade de vida excelente, mais agora precisamos multiplicar as oportunidades, para o que tratará de ataer e contar co inmenso talento demostrado polo noso pobo, desenvolvendo novas iniciativas e ideas que permitan fortalecer o tecido socioeconómico e xerar emprego.

Este sábado arrincan as Asembleas veciñais en Lariño

Quedou ben claro que Milucho xa ten ben asumida a Carnota coas ideas claras, lema dunha precampaña do BNG que comeza xa, sen perder nin un intre, a vindeira fin de semana cunha Asemblea veciñal en Lariño, a localidade natal e de residencia do noso candidato. Será o sábado 2 de febreiro ás 18:00 horas no local social José de Torea.

Etiquetas: , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: