AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

11/10/2018

Pecha a última cooperativa téxtil de Carnota deixando na rúa 25 veciñas

O goberno municipal solidarízase coas vítimas dun peche motivado polo dumping de INDITEX, e apoiará a continuidade da iniciativa


O drama do desmantelamento do sector da confección téxtil galega cóbrase unha nova vítima no noso territorio: a cooperativa de Lamas de Castelo acaba de pechar as súas portas deixando na rúa as súas 5 socias e 20 empregadas. Esta era xa a última iniciativa destas características que seguía operando no noso Concello, polo que se consuma o desmantelamento total dun sector que empregou durante anos a ducias de mulleres e que agora en boa parte se ven excluídas do mundo do traballo.

O peche obedece ao cambio de criterios de INDITEX, empresa para a que subministraban a forza do seu traballo, en canto á diminución do prezo que o xigante téxtil lles aboa por cada prenda confeccionada. A merma é tal que pode considerarse un auténtico dumping, tan grave e repentino que literalmente as socias da cooperativa tiveron que tomar a decisión de pechar a porta por non ser quen de rendibilizar xa a súa actividade, quedando sen traballo tanto elas coma as súas operarias.

As traballadoras afectadas polo peche xa trasladaron a súa problemática mediante varios encontros co goberno municipal de Carnota, a petición deste, nas que lle o executivo local lles expresou a súa solidariedade e indignación ante esta situación inxusta. Asi mesmo denuncia que INDITEX, malia presumir de abandeirar o tecido empresarial galego, en realidade está a empobrecelo coas súas decisións tendentes a unha cada vez maior deslocalización da súa produción en países do chamado terceiro mundo; estas decisións empresariais só buscan un beneficio rápido e a calquera custo, acabando cun sector puxante que empregaba a moitos miles de persoas no medio rural galego, na súa inmensa maioría mulleres que logo non dan atopado outra alternativa laboral.

Asi mesmo o goberno local expresoulles o seu apoio a calquera idea que poida supoñer unha continuidade do proxecto, aínda que sexa redimensionado, iniciativa á que en principio varias das mulleres se expresaron dispostas, asi coma as antigas socias a facilitalo.
Etiquetas: , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: