A Asemblea Local das e dos nacionalistas carnotáns renova o seu Consello Local
A militancia do BNG de Carnota reuniuse na tarde de onte para adoptar varias decisións importantes de cara ao futuro da organización das e dos nacionalistas de Carnota.A Asemblea elixiu coma novo responsábel local do BNG de Carnota a Iván Franco Caamaño, veciño de Carnota de 38 anos, que substitúe na máxima responsabilidade despois de sete anos a Belén Campos, quen continuará nun Consello Local do que tamén formarán parte Mario Maceiras (organización), Pilar Tubío (actas) e Jorge Fiuza (finanzas).
O BNG de Carnota quere agradecer o traballo incansábel desenvolto pola compañeira Belén nesta etapa complicada á fronte do BNG. Asumiu a responsabilidade cando o PP tiña maioría absoluta e o BNG 3 edís e menos de 900 votos. Hoxe o BNG goberna Carnota en maioría absoluta, con 6 edís e case 1.300 votos; e todo isto no medio da crise interna que vén de superar exitosamente o nacionalismo.
Hoxe o BNG ofrece aos veciños e veciñas de Carnota un proxecto político honesto, sólido e críbel, e afronta o reto de seguir afortalándose e traballando para mellorar a vida da veciñanza de Carnota, de xeito que esta renove a súa ilusión e confianza nun goberno nacionalista que hai 6 anos recibiu un Concello en bancarrota e intervido, pero que este ano presentou o primeiro remanente positivo de tesoureiría na súa historia recente, o que lle permitiu iniciar un ambicioso programa de investimentos en todos os lugares do municipio que empeza a dar froitos.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!