AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

19/04/2015

#3. Patrimonio: Seguir apostando por patrimonio, natureza e deporte

Seguiremos recuperando o noso patrimonio arqueolóxico. Seguiremos co Víndemo Ver e crearemos outra edición no verán. Queremos unha natureza protexida e proveitosa para a veciñanza. Potenciaremos o deporte na natureza.

Patrimonio

Recuperación do patrimonio arqueolóxico

Carnota comezou nesta lexislatura a recuperar o seu patrimonio arqueolóxico coa axuda de voluntariado. Despois de conseguir rescatar do esquecemento a Torre dos Mouros, Castro de Mallou e os conxuntos de petroglifos máis simbólicos do noso Concello, consolidaremos as estruturas descubertas, sinalizaremos e divulgaremos os seus valores.  Crearemos unha páxina web do Museo Aberto de Carnota (xa está en fase de probas).

Proxecto arqueolóxico Castelo de San Xurxo

O BNG vai apostar por un novo proxecto arqueolóxico de voluntariado da man das entidades veciñais para recuperar o Castelo de San Xurxo, os restos medievais mellor conservados do noso Concello.

Recuperación do patrimonio etnográfico

Apostaremos pola progresiva recuperación e posta en valor do inmenso patrimonio etnográfico que ten o noso municipio: muiños de auga e de vento, camiños e calzadas, pombais, cabaceiras, alvarizas, conserveiras, muros, pontes, casetas mariñeiras, fontes, canles, alpendres, lavadoiros… Son verdadeiras testemuñas dun pasado non tan remoto e non debemos deixar que esmorezan cubertos de silvas e toxos, pois coa súa posta en valor poden converterse en polos de desenvolvemento do noso Concello.

Medio ambiente

Superficie afectada por medidas de protección

Somos o segundo municipio galego costeiro con máis superficie protexida pero esa protección non repercutiu no desenvolvemento socioeconomico do seu entorno. O BNG traballará para que esas figuras de conservación compensen dalgún xeito á veciñanza.

Recuperación do CUP Monte Pindo

O BNG vai recuperar a xestión directa deste espazo natural para coidalo e protexelo, xerarpostos de traballo, deseñar xunto con entidades e veciñanza planos de aproveitamento… e en definitiva poñelo en valor como merece.

Creación da Senda Azul

Coa Senda Azul o BNG prevé interconectar os sendeiros costeiros tradicionais que xa existen con outros tramos novos, coa idea de dotar o noso Concello cunha senda peonil que conecte Lariño e O Pindo sen abandonar en ningún momento a nosa costa.

Ampliación da Senda Verde

Senda Verde é un sendeiro que une o Ancoradoiro con Louredo aproveitando as pistas forestais, e acolle xa multitude de visitas, e permitiu promover a Ruta BTT, a Carreira Viquinga e tamén o Museo Aberto de Carnota. Queremos completala cun novo tramo entre Louredo e O Pindo de xeito que sexa posíbel recorrer o noso Concello de norte a sur sen abandonar en ningún momento as nosas montañas.

Deporte

Aposta polo deporte de base

O BNG de Carnota seguirá apostando polo deporte en todas as súas vertentes, e nomeadamente polos deportes de base. Neste senso traballaremos por seguir no rumbo da mellora das Escolas Deportivas transversais a todas as idades e por suposto polo deporte feminino. Asi mesmo potenciaremos a práctica deportiva na natureza, un dos grandes potenciais do noso Concello, e tamén os deportes tradicionais.

Consolidación da referencialidade deportiva de Carnota

O BNG traballará por seguir organizando en Carnota eventos de calquera disciplina deportiva que contemos con infraestructuras para organizar, e en mellorar o Trail Monte Pindo, Carreira das Areas, BTT Carnota, Carreira Viquinga...

Esta é unha das ideas forza do noso programa.

Etiquetas:

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: