AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

19/04/2015

#2. Participación veciñal: Afondar nas fórmulas de participación e transparencia

Crearemos o Consello Local de Asociacións. Poremos por fin en marcha os Orzamentos Participativos. Desenvolveremos unha xestión máis transparente mediante novos paneis informativos e recuperaremos a revista municipal.

Participación veciñal e transparencia

Goberno do pobo e para o pobo

O noso goberno caracterizouse desde o primeiro día por ser por e para as persoas, desenvolvendo unha acción de goberno próxima, transparente, dialogante e participativa, baseada na comunicación permanente coas entidades sociais e coa veciñanza en xeral, explicando detidamente os proxectos municipais. A toda acción do goberno lle sucedeu un exercicio de consulta veciñal, autocrítica e finalmente autocorrección. Este debe ser o camiño a seguir, pois só asi un goberno pode ter cada día máis complicidade e entendemento co pobo e mellorar as súas propostas, e non situarse distante da realidade con iniciativas que non responden ás expectativas de ninguén.

A veciñanza organizada, motor do Concello

Os movementos veciñais son as veas e arterias do Concello de Carnota. Neste mandato, ademais de lograr facer unha radiografía certeira das entidades sociais que están activas, logramos implicar ao conxunto do tecido social na dinámica municipal mediante diferentes fórmulas de participación, resultando algunhas máis exitosas que outras. O reto do BNG nos próximos anos é seguir fomentando o asociacionismo, e probando e mellorando experiencias para ver que fórmulas de participación resultan máis satisfactorias e proveitosas para cada entidade e a propia veciñanza, conscientes que igual que non hai dúas entidades iguais tampouco teñen as mesmas preocupacións, obxectivos nin necesidades. Porén o BNG cre necesario a creación do Consello Municipal de Asociacións, un órgano onde conten con representación directa todas as entidades veciñais activas, onde avaliar as súas iniciativas e demandas, priorizar actuacións transversais e promover colaboracións e puntos de encontro entre elas. Asi mesmo, onde na actualidade non existe un movemento veciñal activo apoiarase a súa creación.

Máxima transparencia para lograr a máxima confianza

Estes catro ano serviron para ensaiar diversas fórmulas para transmitir ao conxunto da veciñanza a información veraz e directa sobre a xestión municipal: cartas abertas da alcaldía á veciñanza, asembleas veciñais periódicas en case todos os núcleos… que se sumaron as vías de comunicación tradicional (bandos, web…).
Porén, hai aínda moito por andar para lograr un Concello con paredes de cristal. Unha materia pendente é a escasa asistencia veciñal a plenos, que en moitos casos se debeu a unha convocatoria deficiente. Para iso, imos incrementar o número de paneis informativos nas parroquias onde se colga a información municipal, ademais de informar máis profusamente sobre convocatorias e desenvolvemento dos plenos na web municipal, ademais de estudar a viabilidade doutras fórmulas coma a retransmisión.
Segue a botarse en falta un medio de comunicación directo coa veciñanza en papel, que garanta que a información municipal chegue sen intermediarios a todas as persoas, independentemente do seu grao de alfabetización dixital ou dos seus hábitos cotiás. Neste senso, e aproveitando que a situación económica xa non será tan acuciante, recuperaremos a Revista Municipal, mediante a que informaremos trimestralmente da situación financieira, veciñal, cultural e política do municipio.

Esta é unha das ideas forza do noso programa.

Etiquetas:

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: