AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

06/03/2015

O BNG califica de falsas as denuncias de Alfredo Cambeiro e circunscríbeas á súa promoción coma candidato do PP de Carnota

O PP de Carnota ten que aclarar por que está en contra da atención ás persoas maiores e dependentes e do mantemento dos servizos públicos esenciais

Nos últimos meses vimos vendo como un ex-traballador municipal aparece continuamente nos medios "denunciando" ao goberno de Carnota e nomeadamente ao seu alcalde. Este repentino protagonismo mediático responde exclusivamente á campaña de proxección de Alfredo Cambeiro coma vindeiro candidato do PP de Carnota, aproveitando a súa condición de ex-traballador municipal para deseñar unha estratexia mediática que pretende transmitir á opinión pública a idea de que Carnota vive unha especie de "Guantánamo laboral", nas súas propias palabras.

O seu nome soa forte desde hai meses para ocupar postos de saída na candidatura do PP de Carnota. É perfectamente entendíbel que deba pagar ao PP os servizos prestados, pero non nos parece de recibo que a falta de argumentos a oposición esté a usar sistematicamente a mentira como arma política nin moito menos que leven o seu ánimo vingativo ata o extremo de denunciar, como vén de facer, o mantemento da asistencia a domicilio que Carnota presta aos seus veciños e veciñas en situación de dependencia ou risco de exclusión. Preocupa pensar que no PP primen os privilexios personais dos seus membros en detrimento dos servizos esenciais que o Concello presta á veciñanza.

En efecto, os contratos que protagonizan a última denuncia mediática son renovacións de contratos de asistencia a domicilio, limpeza e profesores da Escola de Música (ESMU) que por certo celebra os seus 20 anos. Dase a circunstancia de que exceptuando os casos en que o concello debiu suplir baixas para manter a calidade dos servizos, en todos os casos foron renovacións de personal contratado por gobernos anteriores. Por suposto, como vén sendo habitual nesta lexislatura, o goberno actuou coa máxima honradez e escrupuloso respecto á legalidade e aos seus propios principios de transparencia, libre concurrencia e non participación de ningún representante político nas mesas de contratación. Polo tanto esta denuncia, se é que existe, é unha denuncia falsa destinada exclusivamente a saír na prensa e influír nas eleccións municipais.

O PP de Carnota debería explicar se comparte as opinións do seu futuro candidato e, sobre todo, ten que aclarar se realmente está en contra de que o Concello de Carnota manteña os seus servizos públicos esenciais e sobre todo a asistencia a domicilio ás súas persoas maiores e dependentes, pois esta cuestión si preocupa a nosa veciñanza.

Novas relacionadas

Etiquetas: ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: