É abraiante que calquera idea naza con tal apego social e respaldo de entidades de absolutamente todo tipo, e moito máis cando se trata dunha posición -cando menos de partida- conservacionista. Calquera administración debería celebrar que a súa sociedade acade tal grao de madurez que non sexa freo, senón motor de iniciativas tan valentes como esta.
Por iso resulta sorprendente a circunstancia de que a única entidade que ata o momento se ten oposto diametralmente sexa o PP, pois é o partido do goberno da Xunta quen ten na súa man o éxito do proxecto, dado que a Consellería de Medio Ambiente é quen ten a exclusiva potestade de decretar a creación do Parque Natural e deseñar a folla de ruta e os presupostos para levalo a bo cabo.
Despois de cinco anos de traballo veciñal intenso, de ducias de charlas de divulgación dos valores do Monte Pindo que xustifican esta medida, así como dos beneficios innegábeis que implicará para a veciñanza, colectivos e o propio concello, e de traballar na investigación dos valores que aínda garda, seguimos batendo unha e outra vez co veto parlamentario obstinado do PP. Este veto non se basea en ningún argumento concreto nin razoado, senón en vagas xeneralidades insuficientes para agochar que o único motivo é un puro interese electoral, pois non é o PP quen ocupa actualmente a Alcaldía de Carnota para anotarse o tanto. Nin máis, nin menos.
Programa do PP no 2007 |
Programa do PP no 2003 |
A realidade é que só coa hemeroteca deixamos en evidencia que a postura do PP obedece exclusivamente a un interese espurio, persoal e político. A realidade é que o medio ambiente do noso país vólvese a supeditar ao interese electoral dunha persoa. A realidade é que, por primeira vez na historia do noso país, a proposta de declarar un novo espazo natural na nosa comunidade nace da sociedade e ademais conta con tal consenso social que as enquisas non son quen de detectar unha soa obxección. A realidade é que por primeira vez un parque natural nacerá con boa parte do traballo feito: unha sociedade sensibilizada, varias liñas de investigación abertas, e centos de colectivos de todo tipo implicados. Isto non se deu en ningún outro espazo natural galego, e probablemente tampouco en España.
O partido do goberno, o mesmo que declarou os outros seis parques naturais que xa temos, sábeo perfectamente, pero estira a súa obxección ata os límites do imaxinable por pura obediencia partidaria. E as súas propias lexislacións ambientais estabelecen que por enriba de todo deben estar os obxectivos de conservación dos espazos naturais.
O PP ten que explicarlle á veciñanza e a todas as galegas e galegos por que entre o 2003 e o 2011 defendeu a declaración do Parque Natural do Monte Pindo, e por que deixou de facelo xusto cando cedeu a Alcaldía de Carnota. O PP debe rectificar a supeditación deste espazo natural, e o benestar e as oportunidades de toda a veciñanza, ao interese persoal e político dun dirixente local. O PP debe desculparse por impedir diferentes propostas dirixidas a recuperar e protexer este espazo despois do gravísimo lume de 2013, como a declaración de zona catastrófica que podería supoñer axudas para os veciños e as veciñas que sufriron danos graves nas súas propiedades.
O PP debe exercer de partido de goberno e, sobre todo, deixar de acusar aos centos de entidades e miles de cidadáns e cidadás que celebramos esta iniciativa, de facer exactamente o que eles están facendo: politizar e lixar unha proposta moi positiva e socialmente unánime, que suporá postos de traballo, investimentos, promoción turística de calidade e, en definitiva, a mellora xeneralizada e innegable de todo o contorno e da calidade de vida da veciñanza.
Pola nosa parte, como goberno de Carnota e -sobre todo- como veciños e veciñas, só agardamos que o PP recupere a iniciativa de declarar o espazo como Parque Natural, e estamos dispostos a cederlle a batuta e o liderado da iniciativa. Todo o que sirva para recuperar e protexer o Monte Pindo de xeito que repercuta na mellora do benestar da súa veciñanza contará co noso apoio e colaboración, veña de quen veña. Pero todo o que implique alongar un só día máis o abandono ao que parecen querer condenarnos contará, por suposto e por sempre, coa nosa oposición frontal.
Carnota, a 7 de Xaneiro do 2015
Asdo.Ramón Noceda Caamaño
Alcalde de Carnota
Hai 0 opinións.
Publica a túa!