Evento suspendido ata novo aviso
Por non termos recibido permiso de manifestación e pola presenza continua de Policía na zona desde as 10:00h con instrucións de identificar a todos os asistentes, suspendemos esta concentración ata novo aviso. Esta monarquía non merece un euro máis dos cidadáns.
Este sábado 7 de xuño ás 13:00h ante a Casa do Concello, o nacionalismo carnotán chama a todas as veciñas e veciños a participar nunha concentración que continúe no plano máis próximo á nosa veciñanza coa axitación social iniciada o pasado luns coa renuncia do xefe de estado e máximo representante da coroa monárquica, Juan Carlos, data en que as potentes maquinarias dos poderes fácticos do sistema e os medios de comunicación comezaron a traballar arreo para garantir un traspaso de poderes discreto e incuestionado ao seu terceiro fillo, Felipe, por ser o varón da casa.
O BNG lamenta que o PP e o PSOE correran a pechar filas en torno á sucesión, perpetuando asi o modelo profundamente antidemocrático e patriarcal desta monarquía e criticando se cuestione ningún aspecto da mesma e sobre todo a aqueles que esiximos que se permita ao noso pobo pronunciarse polo seu futuro.
O pobo xa contestou a esta estratexia e ás enquisas pro-monárquicas precociñadas e publicadas interesadamente por diversos medios para evitar este debate, e saiu masivamente ás rúas nas grandes cidades galegas e capitais de comarca -incluíndo Cee-, esixindo que se abra paso a unha república galega. Mais o BNG quere que toda a sociedade teña a posibilidade de pronunciarse e é por iso que estaremos o sábado diante da casa consistorial carnotá esixindo o fin da dinastía borbónica e o dereito a decidir de todos os pobos, eliminando deste xeito unha institución inoperante, terribelmente custosa e profundamente antidemocrática como é a coroa.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!