Poderían ser inhabilitados por saltarse a lei ao contratar a dedo unha traballadora por cuxo despido piden a dimisión do actual alcalde
Marisol Piñeiro. Fonte: La Voz de Galicia |
O fiscal aprezou “indicios racionais de criminalidade suficientes para xustificar unha imputación contra Dª Marisol Piñeiro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia” ao contratar a dedo unha asesora do alcalde pouco despois de conseguir o PP o goberno de Carnota no 2007. Curiosamente a agora deputada do PP, daquela tenente de alcalde, foi implicada polo propio denunciado José Oreiro, por ser ela quen asinou o contrato fraudulento, a pesar de que Marisol tentou desvincularse dunha decisión “que ela non adoptou”, segundo asegurou nun escrito no que ademais bota a culpa da súa imputación a que é deputada do PP no Parlamento Galego.
Sen embargo a Fiscalía ve claro que o PP de Carnota mentiu no obxecto desa contratación, saltouse os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxectividade na contratación e que Marisol e Oreiro mentiron ante o xuiz ao asegurarlle que manexaron o currículum de varios aspirantes ao posto e que a persoa contratada era a de mellores aptitudes. Este extremo foi desmentido polo Secretario municipal, que negou que chegara ningun curriculum ao concello.
José Oreiro. Fonte: La Voz de Galicia |
Por todos estes motivos, o Xulgado de Muros finalmente decidiu elevar a instrución ao TSXG, na que Marisol Piñeiro, deputada do PP no Parlamento Galego, e a José Oreiro, ex-alcalde, que poderían ser inhabilitados a consecuencia dos seus actos cando gobernaban man a man o Concello de Carnota.
Lonxe de avergonzarse, os implicados lanzaron unha cruzada mediática contra Ramón Noceda, ao que piden a dimisión por despedir hai seis meses á mesma contratada ilegalmente polo PP
Non foi casualidade que a mesma semana que o Xulgado de Muros eleva ao TSXG a causa contra Oreiro e Marisol por contratar ilegalmente, estes tentaran adiantarse ao escándalo pedindo a dimisión de quen os denunciou, Ramón Noceda, por levar a cabo varios despidos no concello de Carnota entre os que se atopaba a propia contratación que pode levar aos dirixentes do PP de Carnota aos tribunais. Novamente o PSOE aliouse ao PP nesta campaña suxa.As informacións publicadas feden a manipulación e falsidades, ao citar sentenzas que están recurridas en todos os casos, polo cal aínda non son firmes. Tamén chegan a “calcular” supostas cantidades estratosféricas que tería que pagar o erario municipal, cando todo o mundo sabe que no peor dos casos, que é que o Xulgado finalmente obrigue a readmitir a calquera dos despedidos, non suporá ao Concello de Carnota un só céntimo máis do que suporía non telos despedido no seu día. Tampouco contan que en 2 dos 6 casos acadouse un acordo amistoso. Ata chegan a inventarse unha falsa imputación de Ramón Noceda. Na mentira, todo serve porque saben que se din a verdade quedan sen argumentos.
A única causa destes despidos, debidamente explicados no seu día nun boletín monográfico distribuído entre a veciñanza, foi a necesidade de amortizar eses postos porque os ingresos do Concello son insuficientes para manter unha plantilla inflada en tempos de bonanza. Ademais que a carga de traballo que viñan desenvolvendo nos últimos anos xa non xustificaban a necesidade deses postos, como no caso da Axencia de Desenvolvemento Local, que tiña adscritos 2 traballadores pero só recibía 543 euros anuais de axudas, cando o importe dos seus soldos sobrepasaba os 80.000 €.
Non pasou o mesmo cos despidos de José Oreiro e Marisol Piñeiro no seu anterior mandato, en que veciños de Carnota foron despedidos para contratar no seu lugar persoas de fóra do noso concello, chegando incluso a renunciar a subvencións que tiñan esas prazas para poder facelo. Por suposto, a estes que agora dan leccións aos demais daquela non lles acordou dimitir.
En definitiva, o BNG de Carnota tomou as medidas necesarias para garantir os servizos públicos que realmente lle facilitan a vida aos cidadáns, e suprimindo o accesorio. E o tempo vén a darnos razón, sendo este ano o primeiro en que se da un punto de inflexión nas finanzas do municipio, a pesar dos sobrecustos laborais derivados da medida extintiva. Desto dan fe os resultados comparados do remanente de terourería dos últimos catro anos:
Liquidación 2010 | -1.299.312,75 € |
Liquidación 2011 | -1.140.672,99 € |
Liquidación 2012 | -452.286,73 € |
Liquidación 2013 | -290.429,10 € |
Sendo o ano 2013 o primeiro de moitos no cal o concello tivo unha diferenza entre ingresos e gastos dun saldo positivo de 289.898,93 €, e que o Secretario Interventor no seu informe di que “A liquidación do Orzamento do 2013 presenta os mellores resultados dos últimos anos”.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!