Consello Local do Mar
Membros do Consello Local do Mar |
Rexistro Municipal de Asociacións
Unha das grandes carencias que a veciñanza viña denunciando nos últimos anos debíase ás diferencias no trato coas distintas asociacións do noso municipio. Ata o momento isto facíase en función da vontade do alcalde ou do executivo de turno, de xeito que algunhas entidades víñanse sentindo discriminadas e perxudicadas nos últimos anos.
Para normalizar estas relacións de xeito que todas as entidades sociais de Carnota teñan un acceso igualitario á información e proxectos, a iniciativa do Rexistro Municipal de Asociacións, incluído no punto 3.2 do noso programa, xa é unha realidade que integra todas as asociacións activas do noso concello que se axustan á lexislación vixente. Isto permite estabelecer unha comunicación fluída e transparente tanto do concello cara aos colectivos como á inversa, que xa fructificou en varias colaboracións moi positivas como nos Entroidos ou na Mostra de Promoción Local que imos explicar de seguido.
I Mostra de Promoción Local "Víndemo Ver"
Para dinamizar a vida local, darlle un espazo propio a artesáns e produtores do noso municipio, e poñer o noso municipio nun lugar destacado da axenda de Semana Santa, o Concello de Carnota organizou a I Mostra de Promoción Local "Víndemo Ver", un evento que ao longo de catro días asulagou con propostas lúdicas, culturais e informativas a vida da nosa veciñanza cun custe mínimo para as arcas municipais. Feira ecolóxica e de artesanía, ruta BTT que congregou a máis de 300 participantes en torno á Senda Verde, conferencias sobre medio ambiente, turismo e agro, subida ao Monte Pindo, actuacións musicais ou a primeira Exposición de Autocaravanas celebrada en Galiza foron só algunhas das actividades que atraeron a Carnota miles de visitantes o 5, 6, 7 e 8 de marzo e que o Concello considera un éxito rotundo que invita a repetir en anos ou meses vindeiros.
O custo total do evento ascendeu a 3.246,97€, desglosados en loxística dos mercados (2.627,22 €), agasallos AGA (100€) e loxística da ruta BTT (463,65 €), un gasto máis que aceptábel á vista da afluencia de veciños e visitantes, a recadación das barras (que se repartiu como axuda entre as Asociacións participantes) ou a sensación que nos transmitiron veciños, artesáns, produtores e comerciantes.
O éxito da iniciativa foi posíbel grazas á colaboración das seguintes persoas e entidades: Concello de Noia, Confrarías de Pescadores de Lira e O Pindo, Deputación da Coruña, Asociación Neria, GDR Costa da Morte, GAC 4 (MarGalaica), Nalú, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Cooperativa Raíña Lupa (Quilmas), Asociación Galega de Autocaravanas, Asociación Cultural Canle (Lira), Asociación O Patín (Carnota), Comisión de festas de San Mamede, D. Francisco Lago Formoso, D. Juan Carlos Domínguez Castro, D. José Antonio Saborido Caamaño,o corpo de voluntarios e voluntarias que axudaron na BTT, na feira e nas demostracións, os grupos de música Tamtotem, Filloas On The Stone e Grupo de música tradicional da ANPA de CPI de Carnota... e por suposto a Policía Local, o departamento de Obras e Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Carnota que co seu inmenso traballo conseguiron que a Mostra fora intachábel.
Marcha polo Parque Natural do Monte Pindo
Como non podía ser doutro xeito, o Concello de Carnota volcouse no seu respaldo da mobilización convocada o pasado 14 de abril pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. E faino co convencemento de que esta iniciativa pode transformar positivamente a realidade do noso concello asi como o de toda a nosa comarca, pois ademais de garantir a protección do macizo granítico cunha figura moito máis flexíbel, efectiva e participativa que as actuais, fornecerá de investimentos e de determinadas ferramentas para promover o desenvolvemento substentábel de todo o entorno, atraer un turismo de calidade, incrementar a prioridade do noso municipio á hora de optar a proxectos e investimentos e ofrecer moitos outros beneficios ao conxunto da poboación.
Por isto este apoio non é puntual, senón que culmina unha serie de contactos e colaboracións entre o goberno municipal e a propia entidade, que xa embocou en varias xuntanzas de traballo con ADEGA, o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, ou o propio Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente e responsábel inmediato da declaración. Asi mesmo, o Concello facilitou un espazo propio ao colectivo durante a I Mostra de Promoción Local para poderen informar da iniciativa e organizar unha concurrida visita ao Olimpo Celta.
Grazas a estes contactos, hai importantes proxectos en marcha que van máis aló da propia declaración do Parque Natural, que dos que iremos informando puntualmente neste espazo asi como nos medios de difusión dos que dispón o Concello.
Deportes e lecer
Por segundo ano Carnota acolleu o Campionato Intercomarcal de Fútbol Sala de campións comarcais, cita que se viu reforzada este ano coa participación da categoría infantil. Esta aposta polo deporte de base complétase cunha extensa oferta de actividades culturais e lúdicas para todas as idades, que a pesar das dificultades economicas que vivimos, son referenciais en toda a nosa comarca e sitúan a Carnota como un dos maiores centros culturais do noso entorno.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!