AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

17/03/2011

Hoxe remata a vixilancia na Reserva de Lira... asina para que non morra!

Hoxe remata o contrato da vixilancia ao coidado da Reserva Mariña dos Miñarzos en Lira, e tal como vimos denunciando desde varias entidades non hai visos de que a Xunta estude sequera a posibilidade de manter a vixilancia.

Máis ao contrario, a Xunta pronunciouse hoxe para dicir que o control sobre a reserva está garantido co servizo de gardacostas, afirmación que só fixo alporizar máis aos afectados, por resultar claramente insuficiente. Hoxe mesmo, Xosé Antonio Insua, patrón maior da Confraría de Lira, pronunciouse nos medios de comunicación para lamentar esta decisión e para advertir que de non manterse o servizo tal e como está plantexado ás portas dunha das mellores mareas do ano (a coca de maio), a inxente produción marisqueira será completamente arrasada polo furtivismo.

O BNG de Carnota segue a apoiar a reclamación das confrarías diante da Xunta de Galiza e da conselleira do mar Rosa Quintana para que non se liquiden as reservas mariñas. Anunciamos ademais que nos uniremos a calquera mobilización ou iniciativa da veciñanza para loitar polo mantemento das Reservas.

Ti tamén podes achegar a túa reclamación. Isto temos que paralo entre todas e todos. Escríbelle á conselleira!

VIXILANZA PARA AS RESERVAS MARIÑAS PESQUEIRAS

Asina e pide á Xunta de Galicia e á Consellería do Mar que reconsidere a súa posición e que faga as xestións necesarias, pero que non permita que as reservas se queden sen vixianza, xa que o furtivismo remataría en poucos días o que os pescadores artesanais conseguiron en moitos anos.

A ATENCIÓN DA CONSELLEIRA DE MAR ROSA QUINTANA - XUNTA DE GALICIA

ASUNTO: FALTA DE VIXILANCIA NAS RESERVAS MARIÑAS DE CEDEIRA E OS MIÑARZOS


Estimada Sra Conselleira do Mar,

Quero expresarlle a miña preocupación pola situación que se aveciña en relación coa Reserva Mariña de Interese Pesqueiro " Os Miñarzos" de Lira e Ría de Cedeira. Estas reservas naceron co obxectivo de protexer e favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros, de impulsar a pesca e o desenvolvemento sostible e de conservar a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade. De feito, estas reservas mariñas de interese pesqueiro foron noticia en todo o mundo. Os propios pescadores foron os impulsores da súa creación, os que reivindicaron o seu traballo e os seus produtos e os que crearon numerosos proxectos pioneiros en España como o de ofrecer pescado e marisco de consumo responsable a toda a Península e Baleares a través da Fundación Lonxanet.

Pero souben que o día 17 de marzo finalizará o contrato do servizo de vixianza da reserva mariña Os Miñarzos e Ría de Cedeira, e as confrarías de pescadores expresaron a súa preocupación porque, de momento, non teñen constancia de que exista unha alternativa. Ao parecer, a Consellería de Pesca decidiu non renovar o contrato coa empresa que se encarga de vixiar as reservas debido ao elevado custo do servizo.

Considero que de non se renovar, se poñerá en perigo o traballo e os esforzos realizados nos últimos anos. Abonda un período de tempo curto sen vixilancia para que este esgotamento se produza

Por este motivo, pregamos á Xunta que busque outras estratexias e medidas para a vixilancia da reserva mariña de interese pesqueiro, non só para protexer o gran valor ecolóxico que posúen, senón o interese de tantos pescadores artesanais que despois de sufrir a marea negra do Prestige, souberon reinventarse, unirse e traballar duro para escapar da crise pesqueira que afrontaba o sector.

Por todo iso pídolle urxentemente que restitúa o sistema de vixianza das Reservas Pesqueiras mencionadas, para evitalo furtivismo e permitir que perdure un exemplo de coxestión que tan bós resultados está a dar.

Atentamente,
O teu nome


NOVAS RELACIONADAS
Etiquetas: , , , , , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: