Despois de meses cos gobernos de Carnota e Ames sementando sospeitas sobre a lexitimidade da folga indefinida na recollida do lixo de novembro, a Xustiza finalmente ditaminou que a mobilización foi totalmente legal.
Euloxio Franco denunciou en outubro os impagos do PP |
A sentencia vén a recoñecer de xeito póstumo que Euloxio Franco non se equivocaba nas súas advertencias nin na súa defensa decidida dos traballadores de Servia, malia que durante aqueles días parecía que só o BNG estaba da parte da xente. Como ben explican desde o Comité de Empresa en declaracións á prensa, «agora a Lei danos a razón, os que mentían eran outros que agora teñen que tragarse as súas palabras», deixando en evidencia os executivos de Carnota e Ames (PP, PSOE), que intentaron desviar a atención dos multimillonarios impagos do servizo e culpando a traballadoras e traballadores aos que só lles preocupaba poder cobrar a fin de mes.
Se ben o efecto da folga fora case nulo en Carnota polo civismo dos traballadores á hora de respeitar os servizos mínimos, a mobilización deixara ao descuberto a incompetencia do PP para xestionar este concello. A pesar de que o BNG levaba meses advertindo do que finalmente acabou pasando, o PP de Carnota non fixo absolutamente nada antes, durante nin despois do conflicto. Ata o punto que tivo que ser a Xunta de Feijóo quen retivo as contas de Carnota para conseguir que pagara e Ames quen finalmente conseguiu que se desconvocara a folga.
Os impagos do PP levaron a Carnota a ser a primeira deudora do servizo por habitante, cunha débeda que segundo as nosas estimacións ascende a preto dun millón de euros. Nos últimos meses, os únicos pagos que o goberno de Carnota desembolsou polo lixo son os que lle retén pola forza a Xunta de Núñez Feijóo, 71.000 € mensuais procedentes dos fondos de cooperación local.
O BNG de Carnota denuncia que o PP intenta tapar os furados que provoca a súa propia mala xestión e os seus inxentes salarios políticos con cartos que deberían ser destinados a mellorar os servizos e as infraestructuras do noso concello, mentras que os cartos que os veciños pagan por ese servizo non aparecen. E é que os veciños de Carnota seguimos sen resposta á pregunta que Euloxio Franco, tristemente falecido o pasado domingo, lle dirixiu en outubro ao goberno municipal: onde están os cartos dos veciños?
Novas relacionadas
Hai 0 opinións.
Publica a túa!