Esta reclamación fundaméntase en tres bloques que pasamos a explicar.
1. O PP desafía o clima xeral de contención dos salarios políticos, que en Carnota aínda medran
A crise económica e social está forzando a numerosas administracións públicas a aplicar unha política -e mesmo a deseñar leis- de recurtes e contención salariais, nomeadamente para os máis gañan, neste caso a clase política. Sen embargo en Carnota o goberno fai oídos xordos a este xeito de moderar o gasto público, e non só: os gastos por este concepto aínda volven medrar.
A reclamación do BNG pretende que alcalde, tenente de alcalde e persoal de confianza do PP de Carnota apliquen unha redución dos seus salarios como medida de solidariedade co colectivos de funcionarios e pensionistas afectados polo decreto do goberno do Estado, axeitándose asi á normativa legal e destinando o que se aforre coa medida ao gasto social.
2. O saneamento de Lariño, inexistente
Outra das alegacións refírese á obriga do goberno local do PP de contemplar nos Orzamentos rematar a rede primaria de saneamento con obras en Lariño, e completar a totalidade da rede secundaria de saneamento no territorio do concello.
Isto incumpre outra das leis a ter en conta á hora de redactar este documento, pois sendo o Concello o obrigado a facilitar este servizo aos veciños e veciñas, e non existindo partida suficiente que permita resolver estas carencias, é necesario que os Orzamentos recollan unha suficiente dotación económica.
A situación actual xa non é que esta partida para o saneamento sexa insuficiente, senón que nin sequera existe.
3. A maior parte dos ingresos, sen xustificar
Dúas supostas partidas de ingresos provintes da Xunta de Galiza e da Deputación da Coruña, cada unha por contías que rondan o millón e medio de euros, están sen xustificar: o documento non acredita que eses ingresos vaian realizarse nin tampouco que finalidade terían. Este incumprimento da lei constitúe por si mesmo un motivo de nulidade dos Orzamentos.
Dase a circunstancia de que, ademais, estas cantidades supoñen a maior parte do apartado de ingresos destes Orzamentos, como xa denunciamos no seu día.
O BNG de Carnota solicita que o goberno elabore un novo documento máis acorde coa realidade e a legalidade
Todos estes incumprimentos motivaron que o BNG presentara as alegacións que podedes ver no documento anexo, e aconsellan que o goberno municipal revogue os Orzamentos aprobados inicialmente para adecualos á legalidade vixente.
Asi mesmo, este paréntese debe servir para refacer aspectos fundamentais para afrontar con garantías os tempos que se aveciñan, axeitando os ingresos á realidade para impedir unha situación de falta de liquidez e tesoureiría, para poder pagarlle a provedores, e evitar as débedas e situacións negativas na economía do Concello de Carnota que levamos meses vendo.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!