No transcurso do pleno monográfico, como era previsíbel, o alcalde eludiu asumir responsabilidades directas sobre as contratacións, culpando a unha Comisión constituída a tal efecto, conformada por dous membros da Xunta e outros dous do Concello, coa que él non tería «nada que ver», como tampouco cos criterios escollidos e mesmo chegando a simular a súa sorpresa por que desde a oposición se lle esixira celebrar este pleno.
O portavoz municipal do BNG tomou a palabra para criticar que unha cuestión que subscitara tal polémica veciñal non fora levada ao pleno polo propio goberno, senón que tivera que ser o BNG quen o promoviu a petición da veciñanza. Asi mesmo, denunciou que o alcalde recoñecera implícitamente o disparate nas contratacións pero pretendendo «escorrer o vulto», xa que se non puidesen existir dúbidas fundadas sobre a limpeza do proceso «o alcalde non tería ningún problema en recoñecer a responsabilidade sobre as contratacións», xa que foi a persoa que asinou, suponse que con pleno coñecemento de causa, todos e cada un dos contratos do Obradoiro.
Desde as bancadas do BNG pasouse a salientar a absoluta falta de transparencia no proceso, ao terse negado o goberno a facilitar criterios de selección, puntuacións, listado de admitidos e non admitidos... mesmo despois de serlle solicitada toda esa información por escrito, cando estes datos teñen que ser públicos. O portavoz do BNG ve nesta opacidade unha «ocultación de información» propia de quen «ten algo que agochar».
A seguinte parte da intervención do BNG centrouse en denunciar o despropósito que en si mesmo supuxera a selección: listaxes de candidatábeis paseando de man en man de persoas afíns, contratados de fóra do concello, familiares directos e sicarios políticos... Para o BNG o proceso deixa claro que non se tiveron apenas en conta criterios sociais e vulnerouse toda igualdade de oportunidades polo que «houbo unha inxustiza, dilapidouse unha oportunidade única para formar a aquelas persoas con dificultades para incorporarse ao mundo laboral e que o necesitan de forma imperiosa» nestes tempos de crise.
Rematou o portavoz nacionalista instando ao alcalde a «pedir disculpas aos veciños afectados» asi como que no futuro «nesas comisións de contratación tomen parte todas as formacións políticas, para non volver a incidir neste tipo de erros: as contratacións en función dunha única cor política».
Despois do contundente alegato do BNG, seguida pola intervención dun portavoz do PSOE que ratificou estas afirmacións, o alcalde de Carnota José Oreiro non titubeou á hora e espetar, diante de toda a corporación e de dúas ducias de veciñas e veciños presentes no Salón de Plenos: «Non son todos do PP, soamente o 80%, ou vós que creíades?».
Como vén sendo habitual, o alcalde negounos a posibilidade de intervir de novo, pero dada a gravidade destas palabras, pouco máis podería engadir o BNG a esta réplica, que demostra sen lugar a dúbidas cales foron os criterios reais de contratación, xa que o goberno mesmo tiña calculadas as porcentaxes de contratadas e contratados en función da afinidade política, e asi mesmo bota por terra calquera xustificación da limpeza e neutralidade do proceso de contratación.
O BNG quere amosar o apoio decidido aos veciños perxudicados por estes feitos avergonzantes, e anunciar que seguirá substentando as medidas de protesta que emprenda a veciñanza, pois cada día demostran ser máis lexítimas, como se está vendo.
Novas relacionadas
A realidade volve a superar a ficción. E o deste alcalde é impresionante.
ResponderExcluirHai cousas que nin fai falta decilas, pero espanta un pouco que esta xente xa nin se avergonze de admitir que son uns CORRUPTOS.
ResponderExcluir