O Proxecto de Investigación "Nomes e Voces" naceu en 2006, a través dun convenio das tres universidades galegas coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, co obxectivo de estudar a represión en Galicia durante a guerra civil e o franquismo, recompilar información e ofrecer datos relativos ás vítimas. Abórdase, pois, unha investigación histórica que parte do golpe de estado de 1936, a guerra e os inicios da ditadura, e pretende un estudo profundo e completo deses procesos.
Estarrecedor é atopar xa a día de hoxe 14.000 casos en toda Galiza, con nomes, apelidos e outra información persoal. Pero máis aínda, se cabe, saber que en Carnota xa rexistran ata 24 casos documentados de represaliados polas armas dos militares golpistas, na súa maioría por deserción ou pola desaparición da lancha "As", na que se presume tentaron fuxir numerosos veciños de Carnota do asedio dos falanxistas.
Entre as procedencias que nos constan destes veciños, 13 serían do Pindo, 3 de Lira e 3 máis en Caldebarcos, Lariño e Louredo. Moi rechamantes son os casos de Andrea Caamaño Martínez, unha veciña de Lira de 64 anos, traballadora do fogar, que chegou a ser procesada en Compostela co resultado de sobreseemento, ou Jesús Chouza Figueiras, natural de Carnota que fora elixido concelleiro en Cee, que non correu a mesma sorte e foi fusilado pola súa involucración política. Porén, a maioría dos perseguidos eran tan só rapaces menores de 25 anos, mariñeiros case todos eles, pero tamén algún labrego, panadeiro, fogoneiro ou follalateiro.
Percorrer todos estes casos constitúe unha experiencia certamente estarrecedora, mais tamén imprescindíbel, pois como dicía a cita, «Aquel que non lembra o pasado está condeado a repetilo». Sirva esta entrada de humilde recoñecemento póstumo a eses centos de veciños perseguidos e fusilados polo «delito» de crer que outro mundo é posíbel.
Por suposto, estes casos só recollen unha pequena parte do drama social vivido no noso concello e en toda Galiza polo alzamento e posterior dictadura franquista, pois aínda se botan en falta casos soados de carnotáns represaliados, co que presumibelmente o funesto listado irá aumentando, e isto sen sumar o macabro drama dos nenos roubados polo réxime. Para iso, os historiadores solicitan a colaboración de todos para iren ampliar a información sobre estes e outros posíbeis casos de vítimas.
Ligazóns relacionadas
Hai 0 opinións.
Publica a túa!