Finalmente, e salvo un inesperado xiro dos acontecementos, Caixa Galicia vai pechar definitivamente a súa sucursal de Lira, deixando asi a centos de veciños sen os servizos que a única entidade entre Muros e Carnota viña prestando. A noticia foi confirmada na mañá de onte polos portavoces veciñais, tras unha reunión co delegado de zona de Caixa Galicia, Xoán Carneiro.
Facendo balanzo de todo o acontecido durante esta semana e media, só podemos quitarnos o sombreiro ante a capacidade de resposta da veciñanza, que demostrou unha madurez e unha seriedade exemplar ante unha situación inxusta: Varias concentracións (unha delas nas portas da sede central de Caixa Galicia na Coruña), unha recollida de sinaturas virtual e en papel con máis de mil apoios recabados, e mesmo un activo e nutrido grupo de apoio na rede social Facebook, aínda que nada foi dabondo para influír nunha decisión que parecía levar tempo tomada.
Porén, non debemos caer no erro de pensar que tanto esforzo non valeu para nada. Toda iniciativa veciñal é sempre útil sempre que se faga con unión e convicción, e estas dúas máximas marcaron toda a resposta veciñal, o que nos demostrou a memorábel imaxe de ver xente con diferentes ideoloxías mobilizadas debaixo da mesma bandeira: a dos intereses veciñais.
Pola contra, a nivel político só podemos lamentar a feble reacción do PSOE, e máis aínda -cando non inexistente- a do PP, e sobre todo do Concello de Carnota, cuxas reticencias a involucrarse nun movemento veciñal sinceiro os deixaron fóra de xogo, e a só insinuar tímidos xestos de apoio tarde, mal e arrastro e con consecuencias xa case irrelevantes. De feito, cando máis falta facía só recibimos por parte do alcalde mostras de desinterese ou desconfianza. Só onte o alcalde decidiu convocar á oposición a unha reunión para convocar outra reunión. Onte, que o ultimatum de 48 horas dado pola Caixa Galicia expiraba deixándonos a sentencia de morte da sucursal de Lira.
Continuamos apoiando as medidas de protesta
Desde o BNG tivemos claro desde o principio que lonxe das lecturas políticas que puideran tentarse facer do movemento veciñal (e intentos de intoxicalo non faltaron), a nosa obriga era estar ao seu lado para todo o que puideran necesitarnos, e así o fixemos poñéndonos á súa disposición e mesmo ofrecéndolle a nosa modesta capacidade de mediación por se puidera ser útil para o interese veciñal, pois ese é o noso obxectivo.
Deste xeito, o BNG de Carnota vai apoiar a retirada veciñal dos fondos da entidade Caixa Galicia, pois quedou constatado que a súa única "función social" foi rabuñar unhas milésimas máis de beneficios a conta do noso rural, para abandonalo á súa sorte cando os cartos xa non chegan en carretillas. Isto contravén os propios estatutos da entidade, aínda que a ningunha autoridade pareza importarlle.
Por suposto, estamos abertos a calquera outra proposta dos veciños, dos restantes grupos políticos e tamén do Concello. Agardamos que por fin poidamos ver unha unión de todas as forzas políticas con representación no noso concello, pois desde o BNG entendemos que na defensa dos veciños non pode haber fisuras.
Rematamos amosando a nosa solidariedade co amigo Tino, ata hoxe director "da nosa caixa", como din os veciños, e felicitando a estes pola súa determinación, pois na defensa dos interese comúns este é o camiño bo.
Novas relacionadas
Hai 0 opinións.
Publica a túa!