AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

04/11/2008

O alcalde acusa de crispar crispando

O alcalde acusou recentemente en varios medios ao BNG de crispar á poboación á raíz das numerosas queixas remitidas por veciños ao Valedor do Pobo por mor dos recibos do saneamento que levan recibindo desde fai meses sen contar en ningún caso con ese servizo.

O BNG de Carnota quere desmarcarse das acusacións sen fundamento que se emitiron desde a alcaldía, pois como formación política non participou en ningún aspecto do procesamento das ditas queixas ao Valedor, se ben varias persoas vencelladas ao BNG si apoiaron a protesta, ao igual que outras moitas afíns ao PSOE ou ao PP. Tampouco o BNG deu difusión á iniciativa na súa web, no seu voceiro nin en ningún outro medio. Por iso non son comprensíbeis os ataques directos ao BNG como única resposta a unha protesta veciñal absolutamente lexítima.

Capítulo aparte merece o feito de que algunhas das persoas que transmitiron esa queixa foran mentadas na prensa con nome e apelidos para tratar de demonizar e politizar esta protesta veciñal, polo feito de que sexan afíns ao BNG. Entendemos que para o alcalde sexa máis doado culpar da situación a unha persoa que decidiu implicarse a nivel individual contra esta soberana inxustiza, en lugar de asumir que o concello é o que está a provocar coa súa desidia que centos de veciños teñan que aboar un servizo que non están a percibir. Un destes aludidos transmitiunos a súa decepción por que a queixa fora interpretada de xeito partidista, e que membros do goberno municipal tentaran «personalizar a protesta», o que na súa opinión só se pode entender coma «unha clara intencionalidade de matar o mensaxeiro para desviar a atención do problema real».

Nun senso similar vai tamén a opinión do BNG, pois o PP parece estar tratando de desviar a atención desta inxustiza que está a consentir por activa e por pasiva, e do peor xeito posíbel: criminalizando aos veciños que protestaron, mesmo inventándose argumentos coma o de supostas suplantacións de identidade na tramitación das queixas ou que o Valedor resolviu o asunto en favor do Concello, cando na realidade limitouse a exercer de mediador e a transmitir a postura dunha parte á outra, sen formular ningunha valoración adicional e dando, a pesar de todo, o asunto por zanxado.

Sobre a acusación recurrente de que estas taxas foran implantadas polo BNG, é tan ridícula que para contestala chegaría con comprobar a data de calquera das cartas remitidas pola empresa concesionaria do saneamento aos veciños do Pindo para anunciarlles o novo imposto. Todas elas foron enviadas xa durante o novo goberno e coa súa connivencia manifesta, a pesar de non executar unha soa obra que xustifique a implantación desa taxa en varios núcleos: Algún veciño puido clausurar a foxa séptica? Selouse algunha saída directa ao mar das augas residuais? Enganchouse algunha casa do Pindo á EDAR? Se a resposta a todas esas preguntas é negativa -e o goberno sabe que asi é-, por que agora teñen que pagar polo saneamento?

O BNG quere deixar clara a súa postura, saíndo na defensa dos veciños perxudicados pola implantación de taxas do saneamento en lugares nos que o servizo non se está a prestar -non só no Pindo-. Ademais o grupo nacionalista rexeita enerxicamente o feito de que se criminalice e inxurie a veciños do noso concello polo simple feito de protestar con ferramentas lexítimas ante unha situación que consideran abusiva, pois están no seu pleno dereito de facelo. Garantimos ademais a asistencia xurídica a aqueles veciños que se poidan sentir acosados e perseguidos por ter exercido o seu dereito de protesta e libre expresión.

Pechamos este capítulo esixíndolle ao goberno municipal que cese na súa actitude agresiva e comece dunha vez a investir esa enerxía na resolución das problemáticas municipais, pois iso foi o que lle encomendou o electorado de Carnota.



Etiquetas: , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: