Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras, analisade logo a seguinte captura da zona prevista para a Galescola (en amarelo):
(En vermello, Centro de Saúde. En azul celeste, CEIP San Gregorio de Carnota. En violeta, Casa do Concello. En verde, pavillón polideportivo de Carnota).
Ademais, recoñeceu que «temos o compromiso do vicepresidente (Quintana) de que en canto poñamos un sitio, farán o necesario para traer a Galescola». O que o PP non parece ter tan claro é a excusa para non ter ofrecido aínda ningunha ubicación alternativa (o que é fácil de explicar, pois o propio arquitecto municipal mantivo sempre que a aprobada é única alternativa viábel). Porén o PP segue fantaseando, en palabras da propia concelleira, co seu «espazo interxeracional, para nenos e maiores, con áreas conxuntas como a cociña, nas que compartirán o espazo un escola de nenos e un centro de día. Estamos traballando para poder ubicalo no Viso, porque as cousas que se fan, hai que facelas ben feitas».
O que realmente sorprende do que dixo a sra. Piñeiro é que pouco antes desas declaracións o alcalde José Oreiro informara con todo luxo de detalles aos veciños de San Mamede sobre ese proxecto «interxeneracional» no Viso, para rematar asegurandolles que finalmente non podía facerse pois eses terreos non son de propiedade municipal.
Evitamos pronunciarnos sobre a tomadura de pelo que significa ir xunta os veciños para contarlle as marabillosas ideas que tes cando xa sabes que nunca as vas poder realizar, a nós o que realmente nos importa é saber se Carnota terá que agardar a un cambio de goberno para desbloquear dunha vez a súa gardería pública. En todo caso, o que fixo e está a facer o PP de Carnota coa Galescola constitúe con moita seguridade o maior escándalo político desta lexislatura.
* Nota: Parece ser que ao sr. alcalde lle levou 6 anos no goberno e 8 na oposición descubrir que o campo do Viso non é de titularidade municipal.
Novas relacionadas
Hai 0 opinións.
Publica a túa!