AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

17/07/2008

A Lei de Vivenda: o colofón dunha política transformadora

A futura Lei de Vivenda pecha a actividade normativa desenvolvida nestes tres anos pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas. Trátase dunha rigorosa planificación lexislativa para acadar o obxectivo de garantir aos galegos e galegas o acceso a unha vivenda e que se traduciu en:
  • A Lei de Medidas Urxentes en materia de vivenda e solo coa ampliación até o 40% da reserva de solo para vivenda protexida nos concellos de máis de 20.000 habitantes.
  • A creación do Rexistro de demandantes de vivenda protexida para transparentar os procesos de adxudicación e garantir a igualdade de oportunidades.
  • As Normas do Hábitat Galego, como aposta pola calidade das vivendas.
  • O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial para mobilizar 8,7 millóns de metros cadrados para 45.000 vivendas protexidas até 2017.

Coa Lei de Vivenda o BNG pretende dar resposta aos problemas que sofren os galegos e galegas no acceso a unha vivenda: o acusado incremento do seu prezo, o limitado papel do mercado do aluguer que contrasta co parque de vivendas baleiro (230.000 inmóbeis en Galiza, o 18%), a diminución da vivenda protexida desde os anos 90, a necesidade de rehabilitar os centros históricos e os ensanches, os cambios sociais e de modelo familiar que mudaron a tipoloxía de vivenda demandada ou os problemas sociais como a violencia de xénero, a exclusión, que tamén requiren resposta en materia de vivenda.

Por iso, os principios reitores desta Lei impulsada polo nacionalismo son dar efectividade ao dereito á vivenda, acadar un parque de vivendas protexidas suficiente, reforzar a cohesión social e loita contra a exclusión social, garantir a seguridade xurídica dos adquirentes e usuarios da vivenda e potenciar a transparencia do mercado inmobiliario.

Entre as medidas novidosas contempladas destacan:
  • A creación do Fondo Social de Vivenda como instrumento para desenvolver as políticas de vivenda.
  • A expropiación forzosa das vivendas baleiras por incumprimento da súa función social cando non reune as condicións de habitabilidade e o propietario desatende a orde de execución das obras de rehabilitación.
  • A dinamización do mercado da vivenda baleira, dando rango de lei ao fomento do aluguer como actuación preferente.
  • A creación do Observatorio da Vivenda, para planificar a política de vivenda a partires de datos estatísticos, asistencia técnica e seguimento do mercado inmobiliario.
  • O endurecemento das sancións para loitar contra o fraude no uso e compravenda de vivenda protexida.
A Lei de Vivenda, que aprobará o Parlamento no segundo semestre de 2008, é unha norma vangardista a nivel de Estado e un texto reivindicativo das competencias exclusivas que corresponden a Galiza e cheo de medidas de carácter social, que persigue a mellora da calidade de vida e a cohesión social como fin último das políticas de vivenda.
Etiquetas: , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: