AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

20/06/2008

O BNG de Carnota entrevístase co xefe da Demarcación de Costas

O pasado mércores 18 de xuño de 2008 unha comisión do BNG de Carnota entrevistouse con Rafael Eimil, Xefe da Demarcación de Costas de Galicia, co obxecto de interesarse polos proxectos en materia medioambiental que abranguen o noso concello, e en especial sobre o estado do Paseo Marítimo do Pindo.

Así confirmounos a contratación, xa en breve, do Paseo Marítimo de Portocubelo a Mar de Lira. A recuperación medioambiental do entorno do faro de Lariño e a recuperación medioambiental do sendeiro marítimo de Mallou-Maceiras están pendentes da resolución do Estudo de impacto ambiental, pero que confía en que antes dun ano serán resoltos. Todos estes proxectos, ao igual que o Paseo Marítimo do Pindo, foron xestionados polo anterior goberno local liderado polo BNG.

A respecto do asunto central da entrevista, Eimil asegurou que o Paseo marítimo do Pindo estaba sendo executado de acordo co proxecto orixinal, se ben por "cuestións estéticas e adaptativas" se fixeran “pequenas modificacións normais dentro deste tipo de proxectos", e en todo caso, con finalidade de mellorar a obra (sempre en palabras do xefe da Demarcación).

Con respecto ás queixas dalgúns veciños pola anchura do mesmo, Eimil xustificou os 2'5 metros de anchura media do Paseo marítimo do Pindo, alegando que se o Paseo marítimo de Orzán (en pleno corazón dunha cidade como Coruña) ten 5 metros de anchura máxima, resultaba axeitada a anchura contemplada no proxecto do Pindo dada a entidade poboacional da localidade.

Tamén nos reiterou que se o Paseo marítimo do Pindo se executou, foi única e exclusivamente por todo o que se volcou o anterior goberno local no proxecto, asi como que é o último da súa clase que se vai facer na provincia da Coruña.

Sendo máis ou menos discutíbeis as argumentacións de Rafael Eimil, o que realmente deixou abraiados aos membros da comisión enviada polo BNG de Carnota foi o dato de que o alcalde, José Oreiro, aínda non se entrevistou con el no tempo que leva de lexislatura. Como é posíbel que o alcalde de todos os veciños, que se enche a dar leccións sobre o paseo marítimo, nin sequera se reunira co máximo responsábel deste e doutra multitude de asuntos que afectan ao noso municipio dun xeito tan directo?

Ao noso xeito de entendelo, o alcalde de Carnota non ten nin o máis mínimo interese real no proxecto do Paseo marítimo do Pindo, nin polo investimento superior aos 3 millóns de euros que supuxo para o noso concello. O alcalde de Carnota só demostrou polo momento un interese real en axitar e enfrontar aos veciños do Pindo, en culpar aos demais da súa ineficacia absoluta, e en aproveitar politicamente un asunto que descoñece por completo (o señor Oreiro chegou a admitir publicamente que nunca viu o proxecto).

Dito isto, queremos deixar ben claro que se temos Paseo Marítimo no Pindo é porque o BNG loitou por el desde o goberno local. E se a obra non se está a executar de acordo co proxecto inicial (o único que existe, e que puideron e poden ver todos os veciños) é exclusivamente debido á pasividade do mandatario municipal, ao que rebautizamos a partir de este momento como o non-alcalde de Carnota, dado que ostentando esa responsabilidade non a exerce en absoluto.
Etiquetas: , , , , , , , , , ,

Hai 3 opinións.

  1. Jajajaj
    o non-alcalde...
    iso si que estivo ben !

    ResponderExcluir
  2. Adiante BNG, estamos con vós!
    (e polo que sei cada vez máis)

    ResponderExcluir
  3. Señor Oreiro, como te retratas ti mesmo. Non tes nin vergonza.

    ResponderExcluir

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: