AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

11/04/2008

Orzamentos municipais: O doble de soldos políticos, a metade de xestión

Con respecto ao Pleno Ordinario do 4 de abril, e en concreto ao punto da aprobación dos Orzamentos Municipais, poucas cousas poden resultar máis aclaratorias da postura do BNG que comparar os datos derivados da proposta orzamentaria do PP para o ano 2008 cos datos derivados do ano anterior con goberno do BNG:



Notas da táboa:

* Administrativo de apoio á alcaldía é unha contratación laboral que só podemos considerar salario político posto que foi efectuada inmediatamente despois das eleccións, sen subvención algunha, sen proceso de selección, e porque parte das súas funcións inclúen, por exemplo, a organización de actos políticos do PP desde a Casa do Concello e en horario laboral. Se ben o alcalde José Oreiro nega o carácter político desta contratación aducindo que a súa función é a de Asesora urbanística; isto non se substenta demasiado tendo en conta que o Concello de Carnota xa conta cunha empresa de asesoramento urbanístico contratada especificamente para ocuparse destas cuestións.
** A diferencia entre o real e o presupostado do cadro inferior débese a axustes do presupostado ao real.


Como se pode ver no cadro o número de contratacións de políticos duplicouse pasando de 2 a 4, ao igual que o custo dos soldos de carácter político que pasou de 68.000€ a 123.500€. Contrastan esas cifras co dos investimentos previstos que pasaron de case 3.761.000 a menos de 1.930.000 €, practicamente a metade que no ano anterior. Ademais se temos en conta que máis de 900.000 € do presuposto do 2008 (PP) proveñen de xestións realizadas polo goberno anterior deixan claro que a capacidade inversora do novo goberno do PP é dunha clara decadencia e de transición á mediocridade, tal e como sinalou o BNG no Pleno do 4 de abril.

Por outro lado as novas contratacións de carácter político deixan claro que o Concello non estaba tan arruinado como vén dicindo por activa e por pasiva o portavoz do PP de Carnota. Ditas contratacións non se corresponden en absoluto coa diminución da poboación do concello, nin coa tendencia actual de desaceleración da economía, nin, por suposto, coa inxente supresión de servizos municipais: Eliminan a Escola de Informática, eliminan a Escola de Idiomas, eliminan a ampla oferta de actividades deportivas que existía, eliminan as actividades culturais que se estaban a desenvolver cada ano, eliminan a Galescola... Co único que se corresponden estes datos é coa implantación de novas taxas municipais e co cobro de servizos que antes eran gratuítos: Por decisión da Alcaldía comezouse a cobrar a emisión de certificados, fotocopias, compulsas, actividades como a ximnasia e as clases de baile… co que están transformando a Casa do Concello nunha simple oficina recadatoria. Pero iso si, como «contrapartida» duplícanse os soldos de carácter político.

En definitiva, no BNG consideramos que estes orzamentos son un paso atrás e cortan de raíz a tendencia de progreso dos últimos anos.

Considerando o fondo do pasado pleno suficientemente tratado no apartado anterior, temos que pasar a analisar as formas, e sobre todo os ditos ou feitos de especial gravidade que caracterizaron o desenvolvemento da sesión plenaria.

En primeiro lugar, apréciase unha clara continuidade da estratexia de acoso e derribo aos membros da oposición. Coma exemplo, o punto dos orzamentos no pasado pleno, que o alcalde xa sabía especialmente conflictivo. En lugar de centrarse en explicar a proposta orzamentaria do seu goberno, simplemente deu lectura ao nome do punto, falou durante uns poucos minutos dalgunha cuestión superficial exa deu paso á oposición. Asi, cando o BNG comezou a desenvolver a súa postura ao respecto, comezou a sufrir reiteradas interrupcións, mesmo de corte agresiva, ameazas de retirada da palabra e mesmo descalificativos. Logo o alcalde reclamou a palabra de novo para poñerse a criticar a intervención do noso portavoz. O feito de que o alcalde acapare as funcións de moderador lexitima estas prácticas tan lonxanas da máis mínima cortesía democrática coa oposición, que por certo neste concello representa á maioría dos seus habitantes.

«Non existían Escolas no Concello de Carnota, eran cursillos»

Cambiando de terzo, cómpre mencionar certas «argumentacións» que o PP esgrimiu na sesión plenaria. Segundo o PP, «non existían no Concello de Carnota ningunha Escola de Idiomas nin de Escola de Informática». Literalmente din que «non eran escolas senón cursillos». Explicaranlle tamén os do PP aos seus fillos que non fan a ESO, senón «cursillos de matemáticas, inglés, galego, ximnasia, etc...»? Imaxinamos que moitos dos centos de veciños (nenos, maiores, mulleres, profesionais...) que pasaron algunha vez polas ditas escolas botarán as mans á cabeza escoitando isto.

«Iso era unha gardería, cos nenos correteando arriba e abaixo»

Polo que tamén dixeron, un dos maiores factores que levaron ao novo goberno a liquidar as escolas foi que «eran unha gardería», «cos nenos correteando arriba e abaixo». Habería que preguntarlle aos pais dos moitos nenos que acodían ás aulas municipais estarían dispostos a colocarlle unha correa aos seus cativos para que deixen de «corretear». O que queda claro é que as intencións do PP parecen as de reducir a Casa do Concello a unha peaxe para o veciño, e hai que recoñecer que xa case o conseguiron.

«Sacarei as fotos que queira»

O alcalde José Oreiro tamén confirmou que pensa retratar a todos os nenos que perciban o particular «cheque-bebé» estabelecido polo novo goberno. Ante as molestias que este feito ocasionou nalgúns deses pais, Oreiro responde: «Sacarei as fotos que queira, e se eses pais teñen algunha queixa ao respecto que mo veñan dicir a min personalmente». Sobran os comentarios.

«Non temos competencias»

Outro argumento universal é o de «Non temos competencias». Ante as preguntas do BNG sobre se existe algunha liña de traballo destinada a previr o habitual problema dos servizos médicos no verán, ou ao respecto das políticas do monte e loita contraincendios, ou sobre cando se vai encher o novo depósito de auga contraincendios do monte de Lira, a resposta universal é que «non temos competencias». Acaso o feito de non ter a competencia global sobre algunha materia significa que ese problema non exista ou se poida ignorar? Animamos a calquera veciño a reler o programa do BNG de Carnota, e comprobar cantas cuestións de interese veciñal sobre as que non tíñamos competencias globais ocuparon un lugar destacado no noso proxecto de futuro, porque sabíamos que presentábamos un equipo capacitado para levalas adiante.

En cambio no PP ou son tan incompetentes como din, ou a falta de equipo e programa só lles preocupa aquilo que abrangue unicamente á Casa Consistorial, coma o cobro de taxas, as contratacións directas e a bandeira de España que pendura na porta. Menos mal que este goberno aínda herdou algún proxecto que executar do anterior, senón estaríamos falando neste intre dun ano en branco para Carnota.
Etiquetas: , , , , , , , , ,

Hai 5 opinións.

  1. Menuda banda de ladróns.

    ResponderExcluir
  2. Alguén esperaba que actuaran de outro xeito?
    Non é difícil de explicar o que lle está pasando ao PP de Carnota, e en particular ao alcalde Pepe Oreiro.
    Este señor gobernou por primeira vez entre os anos 1995 e 1999. Daquela, todas as institucións que nos abranguen directamente estaban en mans do Partido Popular: Deputación, Xunta e goberno central. Isto tradúcese en que a súa actividade se reduciu a mover fíos, a utilizar contactos, a recorrer ao amiguismo, primeiro a través do seu padriño político Romay Beccaría, que lle serviu de nexo de enlace cos dirixentes populares, que como digo, daquela movían todo o cotarro.
    Aínda así, o que se presentaba para Oreiro como unha oportunidade inmellorábel para perpetuarse no poder converteuse nunha trampa de dobre fío, ao tratar de aplicar esa concepción "amiguista" (a única forma de gobernar que coñece) ás relacións interveciñais. Deste xeito, mediante as obras, as contratacións, as axudas económicas... Oreiro fixo saber que ou eres seu fiel escudeiro ou eres o seu máis terríbel inimigo. O problema é que en Carnota nos coñecemos todos, e o feito de botar un veciño para as Canarias porque non era da túa corda non é asunto baladí, este tipo de feitos e mais outras moitas meteduras de pata de libro viñéronlle de volta en forma de patada no cu electoral nas seguintes votacións.
    Logo de oito anos na oposición sen dar sinais de vida en Carnota, chegan as eleccións do 2007. Oreiro nese momento exercía de deputado (aínda que fora un deputado de rebote), e moito lle gustaba inchar o peito paseando por Carnota a súa condición de "peixe gordo". Aínda que era consciente de que non ía volver pois sabía que esa lotaría rara vez toca dúas veces seguidas no mesmo xogador de azar, Oreiro xa amañara en catro anos a súa vida e a da súa familia, chegáballe con reincorporarse ao seu traballo cun salario millonario derivado da súa condición de ex-deputado, o que se podería chamar "retirada digna" moi fácil de vender pola súa parte á veciñanza.
    Na pasada convocatoria electoral, posibelmente a cúpula do PP esixiulle a Oreiro que volvera a presentarse por Carnota, pois era o único candidato con algunha posibilidade, logo de catro anos co PP de Carnota desaparecido do panorama era o único que podería optar a recuperar a confianza dos seus devotos, e iso é o unico que lle importa ao PP das altas esferas, aínda que o mellor para Oreiro fora dar paso a outros e que se apañaran co que había.
    Xa nese momento estaba en dúbida a continuidade de Manolo García, e aí foi onde moitos achegados ao PP viron a súa oportunidade de ouro de subirse ao carro. Cun PP cheo de millóns que gastar en poucos días de campaña, con moitas presións e intereses postos enriba, ao que se sumaba o natural desgaste do goberno logo de oito anos, o BNG comete o terríbel erro estratéxico de cambiar o seu candidato a menos de dous meses das eleccións. Alguén mo terá que explicar no seu momento, pero en canto ao tema que nos trae Oreiro recibiu en bandexa de prata unha alcaldía que non só non agardaba nin nos seus soños máis optimistas, senón que nin a desexaba polos motivos mencionados.
    Toda esta traxectoria tradúcese, xa no goberno de Carnota, en que Oreiro non sabe gobernar. Sempre que tocou poder, levou a cabo unha xestión amiguista, de mover fíos. Ante un problema, chegaba cunha chamada a Deputación ou Xunta, xa habería alguén que se encargara. Hoxe en día, en cambio, o panorama deu un xiro de 180º. Xa non atopa diante un chiringuito cheo de amigos, Oreiro xa non pode ir á Xunta a esixir, senón que ten que convencer. E para convencer fan falta ideas e proxectos, xusto o que nunca tivo nin necesitou.
    Para colmo, non se rodeou precisamente de bos estrategas, magníficos ideadores de propostas ou xestores capacitados. Oreiro, fiel aos seus costumes, rodeouse tan só de fieles escudeiros que sabía de confianza. Eses fieles escudeiros, sendo de absoluta confianza, dunha servilidade á medida para o reto que é gobernar un concello, non teñen a capacidade necesaria para conseguir, en resumo, de que Oreiro puidera "despreocuparse" dos problemas do concello. Polo contrario, obrígano a dobrar os esforzos para solucionar os problemas que ocasiona o afán de protagonismo destas persoas, pois por moi servís que sexan, gústalles inchar o peito como ao que máis, de aí que os veciños teñan que escoitar da boca dos concelleiros do PP cousas como que "todos somos alcaldes". Non é casualidade, claro que non.
    A consecuencia disto para os veciños de Carnota, polo de pronto, son unha asfixia económica total do concello. Entre as pretensións económicas dos "alcaldes", os favores que se deben da campaña, e outros factores alleos á súa intencionalidade coma o descenso demográfico ou o parón da construción, o PP de Carnota atópase con moitos años a mamar dun só teto. E conque, ademais, os veciños de Carnota tamén esixen resultados da súa xestión. Ao principio coa boca moi pequena, con voz case inaudíbel, pero pouco a pouco os carnotáns van fendendo o cascarón do medo ás represalias da maquinaria de control do PP, ata o punto de que en poucos meses a xente xa non seguirá a tragar con rodas de muíño.
    Non quixera eu estar no pelexo de Oreiro ante o que se lle vén enriba.

    ResponderExcluir
  3. Moi agudo análise Carnotán

    ¿Non seria mais doado en ese caso, que o goberno disolvera ao pobo e escollese outro?

    Bertolt Brecht “La Solución”

    Pódelle ir ben a Oreiro a cita.

    ResponderExcluir
  4. Un proverbio dí: NON HAY MAIS TOLO.......QUE O QUE SE CREE LISTO.

    ResponderExcluir
  5. ó anónimo anterior, se eso de tolo vai por oreiro estás mui equivocado. oreiro de tolo non ten nada, sin mover un dedo en 8 anos fui capaz de ganar unhas eleccións e aora fai o que lle peta cos cartos que atopou, por exemplo levalos para casa del e dos seus en carretillas.
    non é que vaia de listo, É mui listo.

    ResponderExcluir

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: