AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

16/09/2007

Cortina de fume

Antonte, día 13 de setembro, tivo no lugar na Casa do Concello de Carnota un "pleno" que non só tivo lugar ás 13:30 horas tal como temíamos, senón que se convocou fóra de tempo e forma: sen respeitar os prazos, sen poñer sobre aviso a varios concelleiros e convocándoo en grande medida a través da prensa. Esta total falta de organización (queremos ser ben pensados e atribuírllo á novatada), non só fixo case imposíbel a asistencia de público, senón que mesmo puxo en serios apuros a asistencia dos propios concelleiros. De feito, polo BNG só puido comparecer o noso portavoz Tomás Freire, e iso facendo un tremendo esforzo personal ao estar recén saído do hospital e en proceso de recuperación do grave accidente de tráfico no que se viu involucrado a finais do mes de agosto. Se non fora por ese xesto o BNG de Carnota non tería representación ningunha.

Os puntos máis relevantes da orde do día foron a solicitude dun estudo externo (é dicir, privado) da nosa situación económica, e a análise do adebedamento do concello. A este respecto, no BNG cuestionámonos a necesidade de dito estudo. En resumidas contas, que sentido ten que un Concello contrate a unha entidade privada para que lle aclare a situación dos proveedores, acreedores, créditos, … cando realmente é o Concello quen xa ten esa información ben clariña? O concello ten personal e profesionais o suficientemente cualificados como para facer esta labor mellor aínda que calquera entidade externa. Solicitar unha opinión externa ata certo punto pode ser razoábel, e non nos oporíamos; pero solicitar un estudo é algo absolutamente irracional e ilóxico, e polo tanto inadmisíbel.

Por outra parte, entendemos que o simple feito de plantexarse a dita iniciativa descubre o máis absoluto descoñecemento da xestión dunha administración local por parte do seu alcalde. Para que nos entendamos, ninguén debe falar mal da entidade que está a administrar posto que o que está é a perxudicar a súa propia credibilidade pública, e posiblemente vai ter problemas nun futuro derivados desa “mala imaxe” creada.


A situación económica e financieira do concello de Carnota, sen querermos para nada decir que é a mellor do mundo, está a todas luces dentro dos cauces normais en calquera concello saneado: ten débedas, pero tamén ten capacidade para facer frente ás mesmas. Moito máis delicada foi a que situación tivo que asumir o goberno do BNG hai 8 anos, cun presuposto de 1.800.000 euros, ascendendo as débedas cos proveedores a 1.200.000 euros. Sen embargo, o novo goberno municipal recolleu un concello cun presuposto de case 8.000.000 euros, e as débedas cos proveedores non se achegan nin de lonxe ás porcentaxes de débito sobre orzamento herdadas polo BNG daquela. O Consello de Contas de Galiza ben o sabe, e non comparte o concepto de "ruína" que ten o PP de Carnota, que lle vai solicitar á unha empresa privada que lle aclare as súas propias contas, pois non parecen fiarse do criterio do máximo órgano fiscalizador dos concellos galegos.


Por último, queremos engadir que o único xeito de mellorar a situación económica municipal é aumentando os ingresos ou reducindo os gastos. Cómpre lembrar neste punto que reducir os gastos non supón necesariamente suprimir servizos, e incrementar os ingresos non significa necesariamente subir os tributos. A apretarse os machos e, sobre todo, sentidiño.


Feitas estas aclaracións, por qué o actual goberno municipal está a forzar este clima de crispación social, este alarmismo? Fíxoo primeiro co tema dos servizos médicos, e agora faino co da situación económica. En lugar de mirar para adiante e plantexaren iniciativas, o que están a facer é crear unha cortina de fume que agoche a súa propia incompetencia e a carencia de proxecto que demostraron reiteradamente durante a campaña.
Etiquetas: , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: