AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

20/05/2007

En Carnota, xeración de emprego, servizos sociais, infraestructuras

O pasado xoves 17 tivo lugar o mitin do BNG na Casa do Concello de Carnota, que xa supón o terceiro no que vai de campaña. O acto foi presentado polo compañeiro Xosé Taxes (Pepe de Xan), ex-concelleiro do BNG de Carnota e hoxe en día Xuíz de Paz do noso concello respaldado pola unanimidade da corporación municipal.
A primeira intervención chegou de man de Euloxio Franco, número 3 da candidatura e unha das caras novas dos postos de saída das listas do BNG tras a espectacular renovación efectuada pola formación nacionalista carnotana de cara a esta convocatoria eleitoral e ao que de seguro será o equipo de goberno de Carnota durante os vindeiros catro anos.
Euloxio, valdeorrés de nacemento, casou cunha veciña do noso concello hai vinte anos e desde hai dous fixou a súa residencia definitiva na parroquia de Carnota, logo de anos na emigración coa súa familia.
Camioneiro de profesión e aficionado á escultura con materiais reciclábeis, destacou desde a súa chegada pola súa total introdución na vida social e cultural do noso municipio, o que lle fixo gañarse en pouco tempo o cariño dos seus veciños. Por outra banda, foi un activo militante político e sindical alí onde estivo, e como non ía ser menos, en Carnota axiña comezou a interesarse e involucrarse nas actividades do BNG, única organización política local que desenvolve unha liña de traballo orgánico continuado.
Precisamente a súa intervención loubou esta situación, pois podémonos presentar coa cara ben alta e cun historial de traballo interno feito durante toda a lexislatura e non só durante os quince días de campaña. Esta diferencia maniféstase especialmente cando nos referimos ao PP, desaparecido políticamente durante esta lexislatura (e en especial desde a marcha do seu portavoz a Madrid), o que segundo Euloxio responde a unha "traición non só ao eleitorado do PP, senón a todos os veciños de Carnota". De feito non foron poucos os chascarrillos durante estes anos de goberno referidos ao "tripartito" do concello de Carnota, pola total inanición que o PP demostrou unha e outra vez nos plenos, exceptuando cando existiron ordes expresas de votar sistematicamente en contra dalgunha cuestión plantexada polo goberno, e sen achegar sequera argumento algún na maioría dos casos.

De seguido, a nosa compañeira Merche Díaz, nº 2 da nosa candidatura e única persoa que repetirá experiencia con toda seguridade na corporación municipal tra-la dita renovación da nosa candidatura, centrouse especialmente na avaliación das áreas de Asuntos Sociais e Muller, das que ela foi responsábel durante estes oito anos e que son das áreas do goberno máis valoradas polos veciños. A mellora do conxunto de servizos sociais á cidadanía grazas ao goberno nacionalista é latente, en especial na atención ás persoas dependentes e ás problemáticas da muller e os nosos maiores.
Como apostas prioritarias de cara aos vindeiros catro anos, o Centro de Día e Rehabilitación de Pedramarrada que se porá en marcha nos próximos meses (só falta que a Xunta contrate ao personal técnico necesario) suporá unha mellora do nivel de vida e da saúde dos nosos maiores, incidindo nunha drástica redución do seu nivel de dependencia tamén para as persoas ao seu coidado.
Ademais, a Residencia da Terceira Idade que a Xunta instalará en Carnota facilitará a autonomía das familias das persoas moi maiores garantindo para eles uns coidados axeitados ás súas necesidades e sen os prexuízos que implican as longas distancias.
A Galescola de Carnota completará o paquete de medidas da Concellería xestionada por Merche Díaz para minimizar as situacións de dependencia das persoas traballadoras do noso concello. A Galescola ubicarase xunta o polideportivo de Carnota, atenderá a nenos de entre 0 e 3 anos e contará con servizos propios de comedor e transporte.
Por outra parte, existe unha ampla serie de medidas tal vez menos espectaculares pero moi aprezadas pola cidadanía, coma todas as referidas á situación dos nosos maiores (atención a domicilio personalizada, farmacia a domicilio, programas de alfabetización e iniciación á informática, excursións, o Encontro dos nosos maiores...), muller (sexualidade, familia, malos tratos, enfermidades específicas...), persoas con enfermidades (xornadas formativas para diabéticos, táboas de exercicios físicos...) e rapaces novos (cursos formativos, problemas de sexualidade...), que como dixemos foron actividades altamente valoradas polos cidadáns e polo que seguirán sendo unha prioridade absoluta no que será o novo goberno de Carnota en caso de gobernar o BNG.

A continuación intervén Xosé Domínguez (Pepe da Cañada), nº 9 da nosa candidatura e actual concelleiro de Medio Ambiente. Persoa moi querida e respeitada polos seus veciños, Pepe xestionou unha área que en Carnota sufriu un enorme desenvolvemento durante estes anos, co agradecido resultado de deixar un concello máis limpo e substentábel, tras a clausura de todos os verquedoiros irregulares do noso municipio e o saneamento de puntos medioambientalmente degradados.
Sen embargo, o groso da súa intervención dedicouno en deixar clara a importancia da recuperación da actividade agraria e forestal para o BNG, que apostará durante os anos vindeiros polas iniciativas de valorización e aproveitamento do noso monte, agro e costa.
"Nós non vos presentamos castelos no aire nin promesas fantasiosas, nós vivimos cos pés no chan, coñecemos ben Carnota e apostamos por aproveitar as nosas potencialidades para, coidando o noso medioambiente, xerar emprego e actividade económica e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños".
Por outra parte, Pepe manifestou a aposta do BNG por iniciativas como o proxecto Mardelira ou os de silvopastoreo nos montes de San Mamede e Lira, os proxectos da Central de Biomasa e a Planta de Compostaxe, os proxectos de campos solares, a recuperación do noso patrimonio tradicional para atraer un turismo de calidade, a rehabilitación dos entornos paisaxísticos espectaculares coma a Cabana en Lira ou Punta Insua en Lariño, as iniciativas de sendeirismo e disfrute do monte de Carnota, Monte Pindo e areal de Carnota... para conseguir que o nome do noso concello se convirta en sinónimo de salubridade, natureza, calidade de vida e calidade turística.

Por último intervén o noso candidato á alcaldía de Carnota Tomás Freire, cun discurso centrado na explicación do programa do BNG e das propostas estrelas para a parroquia de Carnota e para o noso concello, mediante tres bloques ben definidos: Xeración de emprego, servizos sociais e mellora das nosas infraestructuras.
Como proxectos punteiros, citou a próxima creación do parque eólico da empresa mixta Carnotavento (que suprimirá o gasto municipal en alumeado público), o novo Plan de Emprego Xuvenil, o Obradoiro de Emprego que asumirá 45 traballadores, a ampliación da rede de saneamento ás casas que aínda non disfrutan dese servizo tan importante para o desenvolvemento de Carnota, a vindeira construción do parque empresarial de Carnota (comprometido xa coa Consellería de Industria da Xunta), a Senda Verde desde Martiaño ata Louredo (con miradores, áreas de descanso e conexión cos principais núcleos do noso concello), as primeiras vivendas de protección oficial de Carnota, a Galescola, e o compromiso personal do noso candidato para que poidamos ver executado antes do remate da lexislatura o desexado cámping municipal en Lombáns.
Tampouco faltou a referencia de Tomás á cuestión do urbanismo:
"O noso urbanismo só pode ser entendido como un símbolo de desenvolvemento sostible e de progreso, un urbanismo racional, controlado e sempre consensuado coa cidadanía. Para iso, o BNG e eu personalmente comprometémonos a consensuar o Plan Xeral cos veciños, para que toda a xente se sinta partícipe do ordenamento urbanístico en Carnota, para que todos nos sintamos orgullosos de vivir en Carnota."
E por último, Tomás quixo avaliar a situación política do noso concello nestes 8 últimos anos:
"Mentres nós vos presentamos proxectos, traballo feito e todo o noso o compromiso con todo o que queda por facer, que vos presentan os outros? O PP durante a anterior lexislatura votou en contra do arranxo da estrada 552 ao seu paso polo Pindo, votou en contra de que percibíramos 30 millóns da Xunta para o arranxo de danos dos temporais, votou ata en contra do Padrón Municipal de Habitantes! Iso non é cousa de diferencias de parecer, iso foi a oposición pola oposición. E nestes últimos catro anos, que fixeron? Desaparecer! E agora aínda veñen pedindo "confianza"...
O Concello de Carnota e todo o que se fixo aquí durante estes oito anos, cos seus acertos e posibles erros, foi liderado polo BNG. E hoxe estamos aquí para que teñades moi claro que, co voso apoio, ímolo seguir liderando para que Carnota siga avanzando."
Etiquetas: , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: