Un dato moi salientábel foi a presencia de xente chegada de practicamente todos os puntos do municipio, con representación da inmensa maioría de asociacións con actividade no noso concello, pero sobre todo o ambiente cálido e próximo á xente que reinou no acto en todo momento.
O acto foi presentado por Manolo García, que durante unha breve intervención fixo referencia á súa retirada logo de oito anos de alcalde e de doce como candidato do BNG, pero tamén á total confianza e apoio que deposita novo candidato Tomé Freire como herdeiro da súa eficaz xestión e xerador de novas ideas para mellorar o noso municipio.
O aínda alcalde rematou a intervención moi emocionado tras recibir un fervoroso aplauso de toda a asistencia en agradecemento á súa próspera etapa como alcalde de Carnota.
Logo Merche Díaz, a nº 2 da lista, fixo a lectura dos nomes das persoas que conformarán a candidatura que o BNG de Carnota presenta aos veciños, incidindo nas palabras equipo, capacidade de traballo e compromiso cos veciños e cun futuro mellor para o noso concello. Tamén salientou a alta presenza feminina nas listas.
Un momento moi agardado foi a intervención de Anxo Quintana, que se amosou absolutamente integrado entre os seus compañeiros do BNG pero tamén entre os veciños que non quixeron perderse a presentación de Tomé. Se cadra isto foi tamén un factor fundamental do éxito da convocatoria e crucial da calidez do seu ambiente, pois máis que unha cara coñecida que ven a dar un mitin portouse como un veciño máis, cercano, atento e cariñoso, que tivo unha palabra amábel para todos os asistentes.
Pasando xa ao momento da súa intervención, vimos a un Quintana cómodo, relaxado e absolutamente certeiro da capacidade de Tomé Freire para que Carnota siga avanzando, como ben aludía o lema do acto. No centro do seu discurso, os datos que poñen a Carnota como referente de xeración de emprego e de crecemento.
Non faltaron tampouco referencias ás iniciativas que xa están en marcha en Carnota, como o Centro de día que se porá en marcha en poucos días ou a Galescola. E unha exclusiva: Anxo Quintana anunciou que Vicepresidencia vai construir en Carnota unha residencia para maiores.
Co Salón de actos inundado polos aplausos dos asistentes chegou o noso candidato Tomé Freire ao atril. Se pouco máis se podía facer para que o acto saíra redondo, hai que dicir que Tomé o conseguiu, cun discurso limpo, plagado de proxectos e ideas para mellorar o noso entorno e afirmando sentirse emocionado polo cariño e apoio que está a recibir por parte dos seus compañeiros e, sobre todo, pola excelente acollida que lle dispensaron os veciños desde os seus primeiros pasos nesta nova e ilusionante etapa para Carnota. Sabe que herda moito traballo feito, pois os datos non son para menos: se ben cando chegou o BNG á alcaldía no 96 o concello de Carnota estaba en claro retroceso económico e cun desemprego superior ao 20%, logo de tan só oito anos de xestión nacionalista contamos co maior investimento da zona e desde logo da historia de Carnota, cun índice de xeración de postos de emprego do 10% e unha taxa do desemprego do 8%, números por debaixo da media estatal e tamén inéditos na historia de Carnota.
Mais tamén sabe que a súa chegada debe supoñer novas ideas e novo aire fresco no noso concello, polo que se compromete a aproveitar a excelente coxuntura para afondar na xeración de postos de emprego, con proxectos como o futuro parque empresarial de Lamas de Castelo ou iniciativas como o proxecto Mardelira, cos que aspiraríamos a facilitar o retorno de tantos carnotáns que tiveron que procurar a vida fóra.
Outra das súas propostas de goberno está na aposta polos servizos sociais no municipio, cuestión que o BNG convertiu en punta de lanza do seu traballo no goberno durante estas dúas lexislaturas, e das que máis sentimento de benestar e de atención xerou entre os veciños.
A posta en valor do noso entorno natural e paisaxístico e a súa clara aposta por un urbanismo substentábel economica, ecoloxica e demográficamente será outra das áreas fundamentais do seu programa.
En definitiva, unha completa intervención que pechou un excelente acto cun salón de actos e dependencias colindantes ateigadas de xente posta en pé e aplaudindo, de seguro un pouco máis convencida de que Tomé Freire e o seu equipo son o mellor garante dun concello equilibrado, estábel, aberto aos veciños e inzado de proxectos para deixar, dentro de catro anos, un concello no que nos sentiremos absolutamente orgullosos de residir e traballar.
Para que Carnota siga avanzando, adiante co BNG! Adiante con Tomé Freire!
Por se nos quedou algo no tinteiro, podes atopar máis información sobre o acto na Voz, no Correo Galego, en XornalGalicia e na web do BNG.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!